publicidade hoxe

Charla informativa en Riveira para animar aos veciños do municipio a que participen como familias acolledoras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+
Charla informativa

Charla informativa

A solicitude da Concellería de Servizos Sociais e Promoción Social do Concello de Riveira, unha traballadora social da organización Cruz Vermella acudiu onte pola tarde ao concello riveirense para ofrecer unha charla informativa acerca do programa Familias Acolledoras de Galicia.

A principal intención desta actividade –celebrada de forma coincidente co Día Internacional da Familia- era a de recabar o interese e a ser posible a participación de veciños e veciñas do municipio neste proxecto, consistente en que as familias inscritas ofrecen temporalmente un fogar a nenos e nenas pertencentes a outras familias que viven situacións transitorias de dificultade. Deste xeito, os pequenos poden recibir seguridade, afecto e educación, pero sen perder en ningún momento a relación cos seus proxenitores.

A traballadora social de Cruz Vermella Marta Pintos foi a encargada de impartir a charla na Casa do Mar, nun acto que tamén contou coa intervención do concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Social, Vicente Mariño.

Tras explicar en profundidade a finalidade do programa, Pintos someteuse ás moitas preguntas dos asistentes ao evento, preguntas coas que resultaba palpable o interese mostrado por este proxecto por parte da vintena de asistentes. De feito, unha parte dos mesmos quedou en continuar o contacto coa asistenta social.

O acollemento familiar é un proxecto da Xunta de Galicia que xestiona a Cruz Vermella dende o ano 1995.

16 de maio de 2013 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.