publicidade hoxe

Case 200 actividades gratuítas rociarán de cultura as rúas de Riveira durante o mes de xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaRiveira
A-
A+
Presentación da programación

Presentación da programación

O Xuño da Cultura e as Artes de Riveira volta por segundo ano con moitas máis actividades grazas á implicación das asociacións do municipio. Esta vez son 196 (fronte aos 118 do ano pasado) o número de actos que encherán de cultura as rúas, prazas e dependencias ao longo dos 30 días de mes. Participan 54 asociacións e 14 servizos municipais.

A concelleira de Cultura, Elvira Pisos, presentou esta ambiciosa programación ao ser o seu departamento o encargado da coordinación do proxecto. A edil estivo arroupada polos seus compañeiros de Xuventude (Aroa Fernández), Turismo e Comercio (Anxo Orellán) e Educación (Maricarmen Vizcaya), áreas todas elas que tamén estiveron implicadas na confección deste macroevento.

Segundo manifestou Elvira Pisos, o deseño do Xuño da Cultura e as Artes xirou en torno a tres eixos principais: poñer en valor o traballo cultural do tecido social do municipio, mostrar a cultura na rúa a través de diversas e variadas actividades culturais en todas as súas disciplinas artísticas e realizar polo menos un acto cada día do mes de xuño, combinando o pequeno formato cos grandes eventos.

“Cunha media de seis actividades diarias, esta é unha programación á altura das grandes capitais, pero co atractivo engadido de que todos os actos incluídos serán de balde”, explicou a concelleira, quen agradeceu o esforzo e a ilusión de todos os implicados para que este calendario sexa unha realidade.

Inauguración do centro Lustres Rivas

O programa arrancará mañá por todo o alto coa inauguración do novo Centro Cultural Lustres Rivas, coa exposición “Os Caprichos de Goya de Dalí”, que terá lugar ás 13 horas baixo a presidencia do alcalde. Unha hora antes, a biblioteca que se enclava neste Centro Cultural acollerá a actuación da nomeada poetisa Yolanda Castaño, cunha actuación titulada “A poesía non morde” que vai dirixida a nenos e nenas a partir 2 anos.

Pero a xornada do sábado dará cabida a moitos máis actos: dende a copa Sálvora de Fútbol Base (na Fieiteira ao longo do día), ata unha degustación de produtos do mar no bar Brétema (12 horas, por iniciativa da Asociación na Brétema), unha exposición de papiroflexia en idéntico escenario e hora, ou unha ruta de exaltación de produtos da ría ao mediodía e á medianoite nos locais hostaleiros da rúa do Sal (nota: advertir que a Noite Branca promovida pola Asociación de Empresarios de Riveira adíase ao 8 de xuño).

Concerto benéfico

Tamén hai que destacar o concerto benéfico “Riveira en Marcha” que, a iniciativa da asociación xuvenil Pedra de Pidre, terá lugar dende as 20 ata as 3.30 horas na explanada da Lonxa en beneficio de Médicos sen Fronteiras. Incluirá unha demostración de baile latino a cargo da escola de baile El Tomasón, unha verbena coa orquestra Chicago e unha discoteca móbil.

Para a difusión do programa fixéronse 4.000 libros, 300 carteis, 25 banderolas e 2 lonas.

Hai que indicar que ademais dos 187 actos inicialmente previstos e lanzados na cartelería, sumaranse outros 9 de última hora, consistentes noutros tantos concertos acústicos que se celebrarán ao longo do mes en prazas do concello. Oito serán ofrecidos por bandas locais. Esta acción presentarase en breve.

31 de maio de 2013 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.