publicidade hoxe

Adxudicación provisional da construción do centro social e de ocio saudable de Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira vén de adxudicar con carácter provisional a construción do Centro Social e de Ocio Saudable de Oleiros:  un proxecto vangardista en canto ao deseño, sostible e de máxima eficiencia que posibilitará que os veciños da parroquia dispoñan dun punto de encontro social onde desenvolver unha gran diversidade de actividades culturais e recreativas para aproveitar o seu tempo de lecer.

A empresa Francisco Gómez y Cía, S.L., foi a que acadou unha mellor clasificación entre as 31 ofertas presentadas. Segundo a súa proposta, o importe da obra ascende a 652.190 euros e o prazo de execución é de 150 días.

A construción do Centro Social e Ocio Saudable en Oleiros é unha das actuacións economicamente máis importantes das incluídas no Proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos FEDER.

Eco arquitectura

Conforme ao proxecto de execución deseñado pola empresa Carlos Seoane Arquitectos, S.L., o inmoble estará situado nunha esquina da pacela coñecida como “Horta do Cura”, de 2.506 metros cadrados de extensión, para liberar así a maior superficie posible para espallamento ao aire libre dos veciños.

A obra erixirase como un edificio sostible, en sintonía co entorno natural no que se enmarca. A empresa adxudicataria do proxecto deberá asegurar a eficiencia enerxética da edificación incluíndo un sistema de produción de auga quente mediante enerxías alternativas, lámpadas de baixo consumo e un sistema de aproveitamento da luz natural que regule o nivel de iluminación en función do aporte de luz natural. Ademais, na súa construción empregaranse materiais respectuosos co medio ambiente que faciliten a súa limpeza, mantemento e reposición. 

Versatilidade de usos

A edificación constará dunha planta dividida en dúas áreas dispostas en “L” arredor dunha praza pública de 990 metros cadrados. Cada unha das áreas terá un carácter distinto: unha lonxitudinal, a modo de fondo de praza, onde se situarán todos os despachos e espazos máis convencionais; e unha segunda, situada no borde norte da parcela, como un espazo flexible e divisible mediante tabiques móbiles. Esta última poderase abrir ao exterior permitindo unha maior versatilidade de usos, incluso para dar cabida a actividades culturais abertas á nova praza aproveitando a diferenza de cota sobre a mesma. Por outra parte, un xogo de escalinatas-graderío permitirá un uso distinto deste último espazo liberado.

Unha das partes en que se distribuirá o centro -de 201 metros cadrados construídos e unha superficie útil de 168- comprenderá un despacho de dirección, dous despachos de persoal, unha área de información, aseos, vestíbulo, un cuarto de limpeza, almacéns e unha sala polivalente de 55 metros cadrados.

A segunda -de 241 metros construídos e unha superficie útil de 220 metros cadrados- albergará un salón de actos de 100 metros cadrados e dúas aulas taller de 50 metros cada unha, ademais de almacéns, aseos e un vestíbulo.

O centro social contará ademais cun vestíbulo cuberto de 110 metros cadrados,  un vestíbulo descuberto de 72 metros e un espazo de circulacións, ata completar a superficie total de 646 metros cadrados construídos.

Alén do descrito, a parcela dispoñerá unha zona verde de 521 metros cadrados con área de xogos infantís e populares, un aparcamento de 250 metros cadrados e unha pista de petanca tradicional.

Un novo punto de encontro social e desenvolvemento cultural

O novo centro concíbese como un punto de encontro social e de ocio saudable que permitirá:

– Atender a colectivos desfavorecidos.

– Realizar obradoiros de recuperación de oficios tradicionais para persoas desempregadas utilizando as novas tecnoloxías e criterios de deseño industrial e o apoio na comercialización de ditos produtos.

– Impartir cursos de formación en novas tecnoloxías para todos os niveis, incluída a terceira idade.

– Centralizar os servizos de promoción do parque patrimonial Oleiros-Artes.

– Organizar outros actos didácticos de diversa índole como, por exemplo, aulas de natureza, xornadas de produtos naturais, seminarios temáticos de gastronomía local, etc.

– Promocionar a cohesión territorial e social.

– Integrar os servizos de promoción turística.

– Albergar exposicións.

27 de maio de 2013 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.