publicidade hoxe

A Xunta dá luz verde ao cambio no PXOM para regularizar pubs e abrir discotecas en Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaRiveira
A-
A+

Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia no día de hoxe, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vén de outorgar á aprobación definitiva á modificación puntual do artigo 108.1 do PXOM, en virtude do cal se propiciará á regularización da situación dos establecementos hostaleiros que traballan como pubs, así como á posibilidade de apertura de discotecas en Riveira.

Hai que recordar que esta modificación foi aprobada inicialmente en pleno pola Corporación en marzo de 2012 e foi sometida a información pública por un prazo de dous meses. Tras non terse presentada ningunha alegación, a proposta proseguiu os trámites administrativos (aprobación provisional no pleno municipal, informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo) ata alcanzar esta aprobación definitiva, sobre a que cabe interposición de recurso contencioso-administrativo por un prazo de dous meses.

A modificación puntual elimina da normativa a incompatibilidade entre o uso residencial e os establecementos de discotecas e pubs, baseándose en razóns de interese público dada a demanda de usos turísticos deste tipo (elimínase do artigo 108.1 o texto seguinte: «En ningún caso poderá entenderse compatible o establecemento de discotecas e pubs cuxa característica principal sexa a música non ambiental co uso residencial. Sen prexuízo de que os locais que se encontren en funcionamento na data da aprobación definitiva deste plan xeral poidan cambiar a súa clasificación adaptándose ao establecido na ordenanza municipal reguladora da emisión e recepción de ruídos e vibracións»).

Unha vez saia publicado o pertinente anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP), feito que acontecerá a semana próxima, os locais que estean interesados en obter licenza de pub ou discoteca poderán presentar a súa solicitude no Concello. Cómpre lembrar a este respecto que deberán cumprir para isto as esixencias que establece a normativa en canto a ruídos, accesibilidade, etc…

24 de maio de 2013 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.