A apertura dun novo tramo de vía entre o cemiterio de Riveira e Fafián congregou o interese de 42 empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+

Continuando na liña das últimas licitacións de obras sacadas a concurso público polo Concello de Riveira, a construción da apertura dun novo tramo da rúa Cristóbal Colón congregou outra vez un elevado número de empresas interesadas. Nesta ocasión son 42 o número de propostas presentadas cara a execución desta actuación, coa que se pretende conectar a través dunha vía de dobre sentido o cemiterio municipal de Santa Uxía e o lugar de Fafián.

Esta actuación supón unha inversión de 397.033 euros , dos cales 325.701 son aportados pola Deputación de A Coruña en virtude dun convenio de colaboración subscrito a finais do pasado decembro entre Manuel Ruiz e Diego Calvo. O prazo de execución é de catro meses.

Na actualidade, na zona obxecto de actuación unicamente existe un camiño de paso para persoas, sendo imposible a circulación de vehículos. Ademais, a rede de abastecemento existente é de pequeno diámetro e está feita en fibrocemento; non hai rede de alcantarillado e o alumeado público é insuficiente.

Solucionar os problemas de tráfico

O proxecto elaborado vai permitir abrir un novo tramo duns 65 metros de lonxitude entre o cemiterio municipal e a rúa Blanco Amor (Fafián), o que posibilitará dar continuidade á circulación de vehículos e solucionar así os relativamente frecuentes problemas de tráfico producidos polo feito de que os coches teñen que dar forzosamente a volta fronte ao camposanto, que se erixe así nun fondo de saco.

A zona de calzada proxectada contará con dous carrís de circulación e anchura variable. O firme estará formado por unha base de zahorra artificial de 35 centímetros de espesor sobre o que se estenderá unha capa de 15 centímetros de espesor de bituminosa en quente tipo D-12.

Muro de contención

Ademais, instalaranse beirarrúas en ambos marxes cunha anchura de 1,50 metros e, debido ao desnivel existente entre o camiño actual e as fincas colindantes por unha das bandas, será necesario tamén construír un muro de contención de 64 metros de lonxitude e unha altura variable que irá dende os 5,20 aos 4,50 metros. Esta estrutura será de formigón armado.

En canto aos servizos, colocaranse unha nova liña de abastecemento consistente nunha tubaxe de fundición dúctil de 95 metros de longo e 150 milímetros de diámetro; para o saneamento disporase unha tubaxe de PVC compacto de 118 metros de longo e 315 milímetros de diámetro; e en canto á pluviais haberá unha tubaxe de PVC corrugado de 118 metros e 315 milímetros de diámetro.

Por outra parte, dotarase á zona de cinco novos puntos de luz e unha liña de alumeado de 90 metros.

9 de maio de 2013 | 10:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.