Unha área deportiva e dúas de lecer ocuparán o espazo no que se asentaba a fábrica de Castiñeiras

Antiga fábrica de Castiñeiras
A Demarcación de Costas de Galicia -entidade dependente do Ministerio de Medio Ambiente- vén de activar o esperado proxecto para a rexeneración e posta en valor do terreo onde estaba asentada a antiga fábrica de Castiñeiras: unha actuación que inclúe un conxunto de accións dirixidas por unha parte a restituír ao seu estado orixinal unha zona con gran valor ambiental (está situada xunto á praia de Castro) e por outro a favorecer o uso veciñal deste espazo mediante o seu acondicionamento con diferentes espazos deportivos, de tránsito e de esparcemento.
A entidade que dirixe Rafael Eimil ten previsto acometer unha actuación cuxo importe se eleva aos 891.457,88 euros e conta cun prazo de execución de catro meses a partir do inicio da mesma. Nos vindeiros días darase conta do inicio do período de exposición pública do proxecto, por un prazo de vinte días a partir da publicación do anuncio no Boletín Provincial.
O lugar que ocupa a fábrica ten unha superficie de 14.200 metros cadrados (incluíndo fábrica, viario e instalacións exteriores) e unha superficie construída aproximada de 5.500 metros cadrados que, tras rexistrar diversos incendios e outras vicisitudes, ademais dunha demolición parcial, presenta hoxe en día un estado ruinoso.
Demolición
Primeiramente terá lugar a demolición da estrutura que aínda está en pé e o acondicionamento do terreo, incluíndo o desaloxo dos materiais e escombros que actualmente se atopan diseminados polo entorno (tamén será demolida unha pista deportiva localizada a 300 metros da fábrica, na praia de Castro, que está situada sobre un terreo dunar que tamén será rexenerado).
Posteriormente se procederá á revexetación da zona e ao establecemento dos espazos previstos para uso público. Así, a área deportiva ocupará unha superficie de 1.120 metros cadrados e albergará unha pista de tenis de 15×32 metros e outra de futbito-baloncesto de 20×32 metros. Este recinto terá un pechamento metálico que quedará oculto tras unha pantalla vexetal formado por plantacións arbóreas autóctonas.
Miradoiro
Anexo ao mesmo instalarase unha praza de pavimento de formigón impreso que estará bordeada por un murete de mampostería que servirá de miradoiro.
Tamén será acondicionada a explanada situada fronte á antiga fábrica de salazón localizada no extremo sur, á que se lle proporcionará un acabado de pavimento natural terrizo.
Por outra parte, procederase a explanar e acondicionar con pavimento natural terrizo unha zona dirixida ao estacionamento de vehículos, onde se disporán medidas para impedir o paso dos mesmos cara o Dominio Público Marítimo Terrestre.
Por último, para propiciar o tránsito peonil, será executada unha rede de sendas con idéntico acabado en pavimento natural terrizo.
Unha vez finalizadas as obras, o Concello de Riveira farase cargo do mantemento de todo o enclave.











