Riveira formaliza con Costas de Galicia a desafectación de máis de 22.700 metros cadrados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira e a Demarcación de Costas de Galicia veñen de formalizar a desafectación dun total de 22.772 metros cadrados na zona de Bandaourrío e O Touro. O alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas, e o xefe de Demarcación de Costas de Galicia, Rafael Eimil Apenela, rubricaron hoxe no Consistorio local este acordo, en virtude do cal os terreos obxecto da desafectación, ata agora de dominio público marítimo-terrestre, pasan a ser de titularidade municipal, dando así recoñecemento a unha resolución gobernamental que data 1977 pero que nunca chegara a poñer en práctica.

A formalización deste acordo supón un paso decisivo á hora de avanzar na transformación da fisionomía da cidade e da súa fachada marítima, xa que se van ver beneficiados importantes proxectos que figuran na axenda do Goberno Municipal.

Paseo de O Touro

Un deses proxectos é a próxima construción do Paseo Marítimo-Terrestre do Borde Litoral de Riveira entre Santa Uxía de Riveira e Área Secada: unha iniciativa incluída no macroproxecto Riveira Atlántica que supón unha inversión de 841.815,77 euros (o BOP de hoxe recolle precisamente a formalización do correspondente contrato coa UTE formada por Atlántica de Construcción y Medioambiente, S.L., e Obras Generales del Norte, S.A.).

Ademais, hai que recordar que o Executivo está a traballar como proxecto a longo prazo na posible creación dunha gran praza pública de 6.000 metros cadrados e dun aparcamento subterráneo na zona en que se asenta o antigo Mercado Municipal devido en Auditorio, solar incluído parcialmente no espazo obxecto de desafectación.

Antecedentes

O acordo formalizado hoxe dá recoñecemento a unha resolución ditada polo Consello de Ministros no ano 1977 (concretamente, o 17 de xuño) que, con motivo da construción polo Concello dun paseo marítimo entre o porto e a zona de O Touro, xa recoñecía a cesión do dominio público afectado.

Sen embargo, as convulsións propias daquela época impediron que este trámite se chegara a formalizar, razón pola cal, unha tivo coñecemento deste particular, Ruiz Rivas decidiu retomar este asunto e efectuar as xestións oportunas en orde á súa materialización.

Hai que dicir que a resolución do Consello de Ministros abarcaba un total de 30.358 metros cadrados, pero que 7.586 foron transferidos a Portos de Galicia coa chegada do Estado das Autonomías. O Concello de Riveira está igualmente en xestións coa Administración galega para que estes 7.586 metros cadros tamén revertan no Concello.

O Concello quere agradecer á Demarcación de Costas de Galicia a súa boa disposición para facilitar un acordo que reviste unha enorme importancia na consecución dos obxectivos municipais.

23 de abril de 2013 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.