Riveira edita unha guía cos datos de interese de cada centro formativo do municipio

Presesntación da guía
O Concello de Riveira vén de editar unha novidosa guía ideada co fin de que a cidadanía (e en especial os pais e nais con rapaces en idade de escolarización) coñeza máis en profundidade os recursos de ensino existentes no municipio.
A súa elaboración foi feita a recomendación do Consello Escolar Municipal e está prevista a súa inmediata distribución nos centros xa que acaba de abrir o periodo de matriculación do alumnado. Tamén será publicada na páxina web municipal (www.riveira.es), onde os datos irán sendo actualizados a medida que resulte necesario.
A guía foi presentada este mediodía pola concelleira de Educación, Maricarmen Vizcaya, quen estivo acompañada da responsable do Departamento de Normalización Lingüística, Alicia Padín, quen se encargou da coordinación deste traballo.
Tal e como manifestou Maricarmen Vizcaya, ollando as súas páxinas os lectores poden consultar diversa información de interese en relación aos quince centros de infantil, primaria e secundaria que hai no municipio, así como de outros centros formativos como o Centro Integrado de Formación Profesional, o Conservatorio de Música, a Escola Infantil Municipal ou o Centro de Educación Especial de Amicos.
Servizos complementarios e transporte escolar
Así, ademais de información básica de cada centro (teléfonos de contacto, enderezo electrónico, páxina web, oferta formativa, horario lectivo e extraescolar…), recóllense outros datos tan utis como os servizos complementarios a disposición (comedor, plan madruga, gardería…) ou as paradas habilitadas no caso de que se conte con transporte escolar.
Segundo referiu Alicia Padín, a guía é especialmente idónea para aqueles casos nos que os nenos van asistir a un novo centro no próximo curso (por exemplo, cando se muda de Primaria a Secundaria).











