publicidade hoxe

Riveira e Porto do Son asinan un convenio en aforro enerxético

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaPorto do SonRiveira
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

Os alcaldes de Porto do Son e Riveira, Luis Oujo e Manuel Ruiz, rubricaron esta mañá no Consistorio de Santa Uxía un convenio en virtude do cal ambos Concellos van solicitar conxuntamente ao Inega unha subvención dirixida a acadar un maior aforro enerxético en ambos municipios. Este primeiro acordo vén marcar o inicio da pretensión de establecer unhas relacións de colaboración máis estreitas e frutíferas entre ambos municipios.

“Creo que temos gran cantidade de obxectivos comúns e as sinerxías que podemos crear poden ser moitas”, explicou Manuel Ruiz: unha idea na que coincidiu Luis Oujo, quen sinalou que xa dende o principio da lexislatura ambos rexedores viñan falando de establecer esta liña de colaboración.

Entre os ámbitos nos que se está estudando ampliar a cooperación, atópanse materias como o abastecemento de auga, a obtención da Xunta dunha escola obradoiro para os dous municipios ou mesmo a coordinación do servizo de socorrismo.

Palmeira e Outeiro

O convenio hoxe subscrito está dirixido a que o Inega conceda unha axuda para a substitución de lámpadas de vapor de sodio por outras con tecnoloxía led en dous núcleos de poboación: Palmeira (en Riveira) e Outeiro (en Porto do Son). O importe da acción que se pretende realizar ascende a 119.800 euros, dos cales o instituto enerxético galego financiaría un 85%, en tanto que cada Concello debería aportar 8.985 euros.

Unha das vantaxes de optar por esta fórmula de cooperación intermunicipal radica en que, no caso de solicitar a axuda en solitario, unicamente se podería recibir un 70% do importe total, en lugares do 85%. Ademais, a tramitación administrativa da licitación e adxudicación será levada a cabo por un único órgano (neste caso, o do Concello de Riveira), mentres que a dirección de obra será compartida: dous feitos que implicarán un aforro importante tanto en custes económicos como humanos.

Depósito de Moldes

Outro dos eixes de colaboración nos que se está traballar é o abastecemento de auga. Neste sentido, plantéxase que o depósito situado en Moldes e que prové ao municipio de Riveira e ao polígono industrial de A Pobra poida dar servizo tamén ás parroquias da zona sur de Porto do Son, o que vería a atallar os problemas de abastecemento que se producen nesa zona en tempos de sequía.

Así mesmo, ambos munícipes teñen intención de solicitar á Xunta unha escola obradoiro cuxos módulos se adapten aos intereses e necesidades de ambos concellos. Igualmente se indicou a posibilidade de cooperar na dirección e coordinación do servizo de socorrismo nas praias durante o verán.

Estrada de Espiñeirido

Dentro deste mesmo espírito, Manuel Ruiz lembrou que grazas ás xestións efectuadas por ambos alcaldes a Xunta trasladou o seu compromiso de sacar en breve a licitación a actuación para completar a mellora da estrada AC-7103, actuando ao seu paso polo municipio de Riveira: tramo de 800 metros situado á altura do núcleo de Espiñeirido.

Tamén se está a traballar para acadar a mellora da estrada provincial que une San Pedro de Muro –parroquia de Porto do Son- con Oleiros –parroquia de Riveira-.

11 de abril de 2013 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.