Riveira destinarán máis dun millón de euros a seis novas obras de saneamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaRiveira
A-
A+
Estado actual de Cruxeiras

Estado actual de Cruxeiras

O Concello de Riveira sigue perfilando os seus orzamentos municipais para 2013 cara á súa presentación no vindeiro pleno. Entre as actuacións previstas no capítulo de inversións, figuran seis novas obras de saneamento que se executarán con cargo ao canon derivado da adxudicación do servizo de augas.

Estas seis actuacións suman un importe superior ao millón de euros e terán lugar nas rúas de A Muralla e Nordés, na parroquia de Aguiño; nun tramo da estrada de O Vilar e na zona coñecida como Parte al Río, en Carreira; no lugar de Cruxeiras, en Santa Uxía; e no núcleo de Salmón, en Oleiros.

Polo que respecta ás dúas actuacións previstas para Aguiño, a céntrica rúa Nordés será obxecto de renovación en canto a todos os seus servizos (abastecemento de augas, pluviais e fecais) e será pavimentada con adoquín de formigón. O importe é de 80.700 euros.

En canto á Muralla, instalarase unha liña de pluviais (servizo do que carecía) con vistas a evitar os problemas de asolagamento que alí se solían rexistrar en época de chuvias. Ademais, o firme de zahorra será substituído por outro de aglomerado asfáltico. A obra custa 142.000 euros.

Cruxeiras

O lugar de Cruxeiras, núcleo que está situado subindo dende o barrio riveirense de Fondevila, ata agora só contaba con servizo de abastecemento de auga, que será renovado, ademais de instalarse liñas de nova creación para pluviais e fecais. Tamén será pavimentado con adoquín de formigón nunha actuación que ascende a 220.000 euros.

En Carreira, terá lugar por unha parte unha obra destinada á instalación de saneamento nun tramo situado na estrada que vai en dirección ao Vilar que carecía deste servizo. O seu importe, 185.000 euros.

Parte al Río

En segundo lugar, a zona de Parte al Río será obxecto de renovación de todos os seus servizos (abastecemento de auga, pluviais e fecais) e será pavimentado con formigón cruzado con bandas de adoquín de formigón. A actuación supón un investimento de 262.000 euros.

Por último, no núcleo de Salón será instalada unha rede de pluviais da que carecía (si ten os servizos de abastecemento e fecais) e o completarase a obra cunha pavimentación de formigón cruzado con bandas de adoquín de formigún. O custe previsto é de 144.000 euros.

16 de abril de 2013 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.