Riveira afronta en 2013 o seu ano máis inversor coa previsión de chegar aos 15 millóns de euros
O alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas, deu conta no día de hoxe das grandes cifras do Orzamento Municipal de Riveira para o exercicio 2013, un documento que será sometido á consideración da Corporación no próximo pleno programado para o día 29 de abril.
Na súa intervención, Ruiz Rivas destacou que Riveira será este ano un dos concellos máis inversores de toda Galicia, pois segundo as previsións que manexa o Equipo de Goberno vanse destinar a este concepto no 2013 en torno a 15 millóns saídos directamente das arcas municipais: unha cantidade para inversións nunca alcanzada antes por esta Administración Local.
Desta cifra, 5.081.519 euros están consignados nos orzamentos deste ano. Pero a isto hai que sumar máis de 8 millóns que, se ben foron consignados en orzamentos anteriores, refírense a actuacións que practicamente nun 90% están sendo executadas na presente anualidade. Tal é o caso das actuacións incluídas no ambicioso proxecto Riveira Atlántica, (presupostadas en 2011 con 7,2 millóns, pero que se están a materializar neste exercicio) e das transferencias de capital para a construción do Mercado Municipal e da Escola Infantil, dúas obras en execución (1,3 millóns presupostados en 2012).
Remanente
Para chegar á contía dos 15 millóns en investimentos, o Executivo prevé engadir algo máis dun millón de euros unha vez se incorpore o remanente de tesourería, algo que acontecerá previsiblemente chegado o verán.
O alcalde lembrou que non se está a incluír nesta cifra importantes actuacións que outras Administracións están a desenvolver en Riveira cos seus fondos, caso da lonxa ou da estrada de Xenxides a Corrubedo (realizadas pola Xunta) ou da futura rotonda do Vilar que vai acometer a Deputación.
En canto aos orzamentos para 2013 propiamente ditos, estes alcanzan unha cifra de 22.155.364,65 euros, o que supón o cuarto orzamento máis importante en números da historia de Riveira.
Ruiz Rivas salientou a capacidade que ten este Concello para non ver diminuídos os seus ingresos pese ao contexto de crise e afirmou que cerca do 50% dos mesmos derivan do esforzo xestor do Concello (IBI, taxas, ICIO, que recupera a tendencia alcista). Tamén informou de que as transferencias do Estado alcanzan un 33% (superando en 7 puntos o ratio do ano pasado) e resaltou a cobranza voluntaria está por riba do 90%.
O rexedor fixo fincapé tamén no importante esforzo de contención do gasto realizado. Así, o gasto de persoal non chega a un terzo do total (27,82%), diminuíndo nun 3% respecto ao 2012. E polo que respecta ao gasto corrente, que supón un 40,72% do orzamento global, diminuíu nun 5,93%, pese a que se aumentaron as partidas de servizos básicos, como servizos sociais, atención a dependentes, educación, deportes ou turismo.
Fondos propios
Por outra parte, Ruiz Rivas explicou que o Concello de Riveira está comezando a recuperar a súa capacidade de investir os seus fondos propios para a realización de investimentos. Neste sentido, destínanse en 2013 a este concepto un total de 1.493.000 euros do total de 5.081.519 euros consignados neste capítulo, cando hai dous anos unicamente se dedicaron 34.605,01 euros.
Outros datos dignos de ser destacados son que o aforro neto alcanza os 2.393.550,56 euros; que a débeda viva do Concello baixou ao 50,33% (o ano pasado era do 59,88%) e que só 5 de cada 100 euros se dedican a intereses e amortización.
De resultas da exposición, o alcalde concluíu que Riveira “está na boa senda para superar este período de crise” e manifestou que isto se vai notar positivamente na economía da comarca.
Por último, Ruiz Rivas loou o traballo do equipo de intervención e da concelleira de Facenda, Herminia Pouso, xunto ao resto do equipo de Goberno.











