Preséntanse 23 obras ao IV Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira

Conxunto de obras recibidas
Finalizado o prazo de presentación do Cuarto Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira, son un total de 23 as obras presentadas a este concurso, unha cifra nunca alcanzada en edicións anteriores, o que constata a consolidación deste evento literario bienal promovido polo Concello coa colaboración da Editorial Xerais como un dos grandes referentes da literatura en galego.
A finais da pasada semana reuníronse no Auditorio Municipal co fin de proceder á apertura e reparto das obras a efectos da súa lectura os integrantes do xurado que, nesta convocatoria, está integrado por Manuel Bragado Rodríguez, editor de Xerais, María Goretti Fariña Caamaño, gañadora do certame na anterior edición; Cipriano Fernández Fernández, escritor e profesor; e Alicia Padín Otero, responsable do Servizo de Normalización Lingüística de Riveira. Actúa como xurado –con voz pero sen voto- José Antonio Otero Sobrido, arquiveiro municipal.
3.000 euros e publicación en Xerais
Está previsto unha segunda reunión a principios de maio na que se dirimirá o gañador do concurso, que nas anteriores edicións recaeu nas obras “As mellores intencións”, de Begoña Paz; “Vértixes”, de Ignacio Silva; e “Orlando Pendurado”, de María Goretti Fariña: todas elas publicadas pola Editorial Xerais, ao igual que acontecerá coa triunfadora nesta cuarta convocatoria. O escritor galardoado tamén recibirá un premio en metálico de 3.000 euros.
Este concurso naceu no ano 2006 co gallo de conmemorar os 100 anos da cidade de Riveira e sirve para difundir e potenciar a lingua galega na sociedade. As obras presentadas contan cunha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 140.000 e están escritas en galego.
Nas tres primeiras edicións, as obras presentadas foron dezaoito (na 1ª convocatoria), nove (2ª) e once (3ª).











