Pastor Rodríguez falará nos Xoves Literarios de Riveira da vinculación con Galicia de Cervantes e O Quixote
Mañá xoves ás 20.00 horas terá lugar na Biblioteca Municipal a terceira conferencia dos “Xoves Literarios” organizados pola concellería de Educación do Concello de Riveira. Nesta ocasión Xoán Pastor Rodríguez Santamaría impartirá unha conferencia titulada: “Cervantes e o Quixote en Galicia”.
Por segundo ano consecutivo, e de xeito simultáneo á programación do Abril Mes dos Libros, o Concello de Riveira vén de poñer en marcha os chamados “Xoves Literarios”: catro conferencias que se desenvolverán cada xoves do presente mes, impartidas por unha selección de recoñecidos autores nacidos ou moi vinculados coa comarca de Barbanza.
DATOS BIOGRÁFICOS DO CONFERENCIANTE: Naceu en Santa Mariña de Xuño, municipio de Porto do Son, o 6 de febreiro de 1973. Cursa os estudos de Bacharelato no Instituto de Ribeira ata 1991, ano no que pasou a cursar os estudos de Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en 1996. Ao ano seguinte acadou a licenciatura de Filoloxía Hispánica na mesma universidade. En 1999 publicou o volume Escritores da Barbanza, editado polo Concello da Pobra do Caramiñal, onde recolle un dicionario de autores naturais do Barbanza, aos que engade un catálogo de autores e obras relacionadas coa mesma. Neste labor divulgador dos autores barbanzáns colaborou no xornal La Voz de Galicia con artigos sobre Gerardo Gasset Neyra, Valle-Inclán, Caramiñas e Carlos Montenegro, entre outros. Con posterioridade editou as obras Diccionario de Escritores Ribeirenses (2001), A Pobra do Caramiñal. Cronoloxía histórica (2002), “Ramón Fernández Mato, narrador de fútbol” (2004), Cervantes e o Quixote en Galicia (2005), Un río de sangue e tinta (2006), Dicionario Ramón Piñeiro (2009) e A Pobra do Caramiñal. Cronoloxía histórica (2ª ed. aumentada, 2013). En volumes colectivos e revistas publicou ensaios como “A mirada do alquimista. Cunqueiro e o Barbanza” (2011), “Seoane. Vangarda e compromiso. Galeguismo e universalidade” (2011), “A Xeración de Avilés no Barbanza” (2008), “Un cervantista pobrense: Victoriano García Martí” (2006), “Música dos galegos para don Quixote” (2007), Penélopes de tinta: as mulleres na poesía galega. Da guerra civil a Palabra no tempo” (2007), “Cervantes nos provincialistas galegos” (2008), “Xosé Agrelo Hermo. Vida e obra” (2011) e “As letras de Porto do Son (2012), entre outros. É coordinador da A. C. Barbantia, colaborando no suplemento A Voz de Barbantia, así como no seu anuario.











