Os Xoves Literarios de Riveira culminaron cunha ponencia sobre o papel da lectura na infancia

Blanca Ana Roig
A profesora e investigadora da Universidade de Santiago Blanca Ana Roig Rechou ofreceu na tarde de onte a última das conferencias integradas nos Xoves Literarios de Riveira do ano 2013. Foi unha ponencia de corte técnico na que, co título de “Educación literaria, saberes e enciclopedia do mediador”, a relatora verteu unha serie de interesantes reflexións acerca da lectura na infancia ante un público formado maioritariamente por profesionais da docencia.
Así, a intelectual nacida en Portosín recalcou a importancia da lectura cara á formación da mente dos nenos e o decisivo papel que deben xogar neste senso os educadores. Tamén destacou a calidade excelsa que teñen a literatura infantil e xuvenil contemporáneas.
Coa charla de Blanca Ana Roig culmina unha programación organizada a través da Concellería de Educación na que tamén participaron como conferenciantes Antón Riveiro Coello, Fran Godón e Pastor Rodríguez, todos eles nacidos ou con fortes vínculos con Barbanza.
A concelleira Maricarmen Vizcaya e a responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Alicia Padín, foron as introdutoras da conferencia de onte.
Blanca Ana Roig Rechou. Naceu en Portosín (Porto do Son). É profesora de Literatura galega e Literatura Infantil e Xuvenil nas Facultades de Filoloxía e Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela onde coordina o Grupo de Investigación LITER21 “Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas” (GI-1839). Investigadora no “Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades”, onde dirixe dous proxectos de Investigación “Informes de Literatura” e “Literatura Infantil e Xuvenil”. Presidenta da Asociación Nacional de Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) e membro das Asociación de investigadores de Literatura infantil e J/Xuvenil galegos e portugueses (ELOS), da que foi presidenta. Tamén membro da asociación de investigadores galegos de Literatura Infantil e Xuvenil ELOS-Galicia. Investigadora principal da Red temática de investigación “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI). Autora de monografías e diferentes traballos sobre Literatura galega e literatura infantil e xuvenil, como se pode consultar en webspersoais.usc.es/persoais/blanca.roig/











