O GIPEM de Riveira terá sete membros fixos sostidos con fondos locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira está ultimando nestes momentos os Orzamentos Municipais do exercicio 2013, que está previsto sexan sometidos á consideración do Pleno na súa sesión ordinaria deste mes de abril. En virtude da boa dispoñibilidade de fondos económicos existentes, o Executivo Local vai perfilando as características do novo grupo estable de emerxencias e está en condicións de anunciar que este colectivo, cuxa denominación oficial será Grupo de Intervención e Prevención de Emerxencias Municipais (GIPEM), contará cun total de sete integrantes de carácter fixo que traballarán os doce meses do ano.

Ademais, espérase incrementar a dotación deste grupo durante os meses de verán en base ás axudas que se prevé recibir doutras Administracións, como poden ser os fondos de cooperación da Xunta de Galicia (e a isto hai que sumar as brigadas antincendios que loitarán contra o lume na época estival).

Oferta pública de emprego

A selección do persoal estable do GIPEM será levado a cabo a través dunha oferta pública de emprego que o Concello lanzará unha vez os Orzamentos Municipais adquiran carácter definitivo (hai que recordar que despois da aprobación inicial polo Pleno os Presupostos teñen que pasar un período de exposición pública).

Agora ben, consciente da idoneidade de que Riveira conte cun servizo de atención de incidencias a maiores do labor exercido pola agrupación de voluntarios de Protección Civil e polo propio parque de bombeiros, o Concello porá moi pronto en funcionamento un grupo de intervención de carácter temporal formado por nove efectivos. Isto é posible grazas a un convenio subscrito entre Concello e Deputación de A Coruña, que permitirá que este servizo sexa prestado durante un período de dous meses, aproximadamente ata principios do verán.

12 de abril de 2013 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.