O Concello de Riveira afianza a seguridade viaria en Deán Grande cunha nova beirarrúa

Inicio das tarefas de mellora
O Concello de Riveira está inmerso nestes momentos na construción dunha nova beirarrúa na rúa Deán Grande á altura da súa intersección coa avenida de Ferrol con vistas a incrementar a seguridade viaria nunha zona na que adoitan transitar moitos peóns e vehículos.
A realización desta infraestrutura, de 80 metros liñais, era unha alta demanda tanto veciñal como de usuarios do Departamento de Servizos Sociais e do Centro de Información á Muller: dúas concorridas dependencias que dende hai ano e medio están situadas no edificio Mirador de Padín.
Hai que recordar que a realización desta actuación corresponderíalle en propiedade á promotora do edificio Mirador de Padín, unha vez dese luz verde á realización da segunda fase deste proxecto e a preceptiva urbanización do entorno. Pero dado que esta segunda fase dificilmente se materializará a curto prazo ante o contexto económico imperante, o Concello tomou a iniciativa de realizar esta actuación para garantir a seguridade de veciños e peóns, completando unha infraestrutura viaria que enlaza os Servizos Sociais e o CIM directamente coa cidade para os visitantes que van a pé.











