publicidade hoxe

Hernández comprométese cos alcaldes de Frades, Mesía e Ordes a mellorar o firme da AC-524

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesLocalLocal PortadaMesíaOrdes
A-
A+
Reunión dos rexedores co Conselleiro de Infraestruturas

Reunión dos rexedores con Agustín Hernández

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas actuará de inmediato na mellora do firme da estrada AC-524 Ordes-Lanzá. Así llelo confirmou o conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, Agustín Hernández, aos alcaldes de Frades, Roberto Rey; Mesía, Mariano Iglesias; e Ordes, Manuel Regos; nun encontro celebrado en San Caetano a petición do deputado autonómico e concelleiro de Relacións Institucionais de Frades, Miguel Prado.

Agustín Hernández confirmou aos tres alcaldes que o arranxo dos 19,8 quilómetros da AC-524 está incluído nun proxecto de mellora do firme de tres estradas de titularidade autonómica. Un proxecto orzamentado en 575.000 euros e que inclúe a AC-524 Ordes-Lanzá, a AC-523 Culleredo-Meirama e a AC-552 A Coruña-Cee. Así mesmo, o conselleiro explicou que a previsión coa que se traballa na Axencia Galega de Infraestruturas é a de licitar as obras antes do verán, para adxudicar e iniciar a obra no período estival. O Goberno galego asumirá o 100% desa actuación.

Actuación

O conselleiro indicou que será necesario fresar e repoñer o asfalto, corrixir deformacións, rehabilitar a estrada en determinados puntos, así como reestablecer a sinalización vertical e horizontal. Sinalou que nos tramos concretos, entre os puntos 6+540 e 6+835 e o 6+985 e o 7+275, o firme atópase roto polo que será necesario acometer o estendido de capa de aglomerado completo que permitirá acadar unha capa de rodadura adecuada sen mermar a capacidade.

A estrada AC-524, cunha lonxitude total de 19,8 quilómetros, discorre polos concellos de Ordes, Frades e Mesía e está incluída na categoría de Primaria Básica unindo a estrada N-550 coa estrada N-634. Tamén conecta coa autoestrada AP9 no punto quilométrico 4+08. Desde a Xunta de Galicia destácase a necesidade de levar a cabo esta actuación sobre todo tendo en conta a intensidade media rexistrada nesta estrada, que ascende aos 3.280 vehículos no tramo entre Ordes e o enlace a autopista.

Satisfacción dos tres alcaldes

O alcalde de Frades, Roberto Rey, amosou o agradecemento dos tres alcaldes a Agustín Hernández “polo seu compromiso co arranxo do firme da AC-524, pois a día de hoxe se atopa moi deteriorado en gran parte do traxecto”. Pola súa banda, o alcalde de Ordes, Manuel Regos, recalcou que a AC-524 “é unha vía de intenso tráfico, non só porque é a principal vía de conexión coa AP-9 senón porque por ela pasan gran número de vehículos pesados procedentes dos polígonos industriais de Ordes e Cerceda, xa que esta estrada conecta directamente coa N-634, que une Galicia con Asturias”.

Ademais, esta zona caracterízase por ter un tráfico mixto, pois canda os vehículos pesados tamén circulan vehículos e maquinaria dedicada a labores agrícolas, polo que un mal estado do firme pode ocasionar situacións de risco para os condutores. Neste sentido, o deputado autonómico Miguel Prado destacou a rápida resposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ás peticións dos alcaldes de Frades, Mesía e Ordes. De feito, apuntou que “ademais do arranxo inmediato desta estrada, Agustín Hernández comprometeuse a estudar a viabilidade de incluír nos orzamentos de 2014 a colocación dunha plataforma nova nalgúns tramos desta estrada”.

Esta non será a primeira actuación importante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na estrada AC-524. Entre 2010 e 2011, este departamento investiu 416.000 euros na mellora da seguridade viaria na travesía de Abellá, onde se construíron 2,2 quilómetros de beirarrúas que garanten a seguridade dos veciños e veciñas desta parroquia fradense.

Punto limpo e AC-223

Pola súa banda, Mariano Iglesias, destacou especialmente que “o conselleiro se comprometera a analizar as necesidades da AC-223, no tramo entre Xanceda e Visantoña, que pensamos que precisa dalgunhas reparacións”. O conselleiro anuncioulle ao alcalde de Mesía que técnicos do seu departamento farán un estudo das necesidades dese importante vial de conexión para os veciños e veciñas de Mesía.

Así mesmo, os alcaldes de Frades e de Mesía aproveitaron o encontro para presentar o seu proxecto para crear un punto limpo común, xa que na actualidade ambos municipios carecen deste servizo e só Mesía dispón dun punto de recollida de plásticos agrícolas. Agustín Hernández comprometeuse a estudar a viabilidade desta instalación e cal sería o emprazamento máis idóneo.

19 de abril de 2013 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.