Mañá abre o prazo de presentación de instancias para a contratación de 5 policías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+

Tal e como publica o BOP de hoxe, mañá día 19 de abril abre o prazo de presentación de instancias con motivo da contratación temporal de cinco auxiliares de Policía Local durante a tempada de verán.

É obxecto desta convocatoria a contratación laboral temporal, a través do proceso de selección de oposición libre, de cinco Auxiliares de Policía Local, que desempeñarán as funcións de apoio e de auxilio ós membros do Corpo da Policía Local, no marco do disposto na lexislación de corpos e forzas de seguridade.

O prazo de presentación de instancias son 10 días naturais a partir de mañá.

O modelo oficial das instancias estará a disposición de todos os interesados, ademais de nas oficinas municipais, no sitio web oficial do Concello (www.riveira.es).

Para tomar parte neste proceso selectivo, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun estado membro da Unión Europea, nos termos previstos no artigo 57 da Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Emprego Público. Así mesmo, poderán participar, en igualdade de condicións que os españois, os estranxeiros con residencia legal en España.

b) Ter máis de 18 anos e non ter cumpridos os 58 anos de idade.

c) Estar en posesión (ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de instancias) do título académico de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria, Graduado Escolar ou doutro equivalente ou que os englobe, que se deberá acreditar mediante documento oficial expedido polo organismo competente.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión (na mesma data do remate do prazo para presenta-las instancias) da Credencial que acredite a súa homologación, expedida polo organismo competente.

d) Ter unha estatura mínima de 1’65 metros os homes, e de 1’60 as mulleres.

e) Non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida o desempeño das funcións propias do posto de traballo para o que se opta.

f) Non incorrer en causa de incompatibilidade ou de incapacidade, conforme á normativa vixente.

g) Non ter sido condenado/a por delito doloso, nin estar inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, nin separado/a do servizo das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial. Será aplicable, non obstante, o beneficio da rehabilitación, segundo as normas penais e administrativas, que o aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.

Todos estes requisitos deberanse cumprir polos aspirantes na data en que remate o prazo de presentación de instancias, e mantelos ata o momento da formalización dos contratos.

18 de abril de 2013 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.