Francisco Godón disertará do teatro galego na segunda xornada dos Xoves Literarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+

Mañá xoves ás 20.00 horas terá lugar na biblioteca municipal a segunda conferencia dos “Xoves Literarios” organizados pola consellería de Educación do Concello de Riveira. Nesta ocasión Francisco Godón Davila impartirá unha conferencia titulada: “O teatro galego: circunstancias e antecedentes”.

Por segundo ano consecutivo, e de xeito simultáneo á programación do Abril Mes dos Libros, o Concello de Riveira vén de poñer en marcha os chamados “Xoves Literarios”: catro conferencias que se desenvolverán cada xoves do presente mes, impartidas por unha selección de recoñecidos autores  nacidos ou moi vinculados coa comarca de Barbanza.

DATOS BIOGRÁFICOS DO CONFERENCIANTE:

Fran Godón Davila. Naceu en A Pobra do Caramiñal. É o director de UT·Tópico Teatro, compañía teatral propia da Asociación Cultural Turbina, da Pobra do Caramiñal. Licenciado en Filoloxía na Universidade de Santiago e posgraduado Especialista en Arte Dramática  na mesma universidade. Traballou teatro universitario en varias compañías, e na propia Aula de Teatro da USC, desenvolvendo a súa maior labor no grupo Teatro no Aramio de Santiago, do que é responsable máximo dende hai catro anos. No 2011 crea a súa propia compañía e a súa primeira montaxe: Baile de sombras; a obra estreouse en novembro do 2011 en Berlín, ao ser seleccionada a obra para participar no certame 3 Noches Españolas, unha iniciativa da compañía madrileña Theatreuropa que conta co apoio do Ministerio de Cultura, e galardoada co premio Xuventude Crea 2012, organizado pola Xunta de Galicia e que procura a mellor obra, feita por xente nova, do ano. Neste ano 2013 estrea Faust-Box coa súa compañía, obra da súa autoría na que ademais é intérprete. Mentres traballa na creación de novos produtos desenvolve na Pobra o obradoiro P-12, lugar de formación teatral para adolescentes e en Riveira colabora tamén con persoas afeccionadas ao teatro no seu interese de convertérense en actores e actrices.

10 de abril de 2013 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.