Concello e Asociacións de Riveira traballan na confección dun novo “Xuño da cultura”

Reunión con representantes das asociacións
O salón de plenos do Consistorio foi escenario hoxe dunha reunión preparatoria dunha nova edición do Xuño da Cultura e as Artes: a programación que o Concello de Riveira puxera en marcha o ano pasado e que tanto éxito colleitou, ao recibir a implicación de 42 asociacións e desenvolver un total de 116 actos ao longo de 30 días.
Un total de 57 colectivos -entre asociacións culturais, sociais, asistenciais ou educativas, clubs de xubilados, comunidades de montes, centros escolares e outras entidades-, acudiron á chamada do Concello, que estivo representado polo alcalde Manuel Ruiz Rivas e pola concelleira de Cultura, Elvira Pisos Arnoso.
Na introdución do acto de hoxe, Ruiz Rivas expresou o seu convencemento de que a cultura non debe emanar unicamente dende as administracións senón que é fundamental contar coa implicación do tecido asociativo á hora de confeccionar unha programación cultural. Neste senso, salientou a puxanza e dinamismo que distinguen o asociacionismo no municipio e destacou a idoneidade do Xuño da Cultura e as Artes como escaparate para exhibir todo o que estes colectivos fan e tamén para que se relacionen entre eles.
O alcalde ofreceu ademais algunhas pinceladas do que se leva traballado cara elaborar a programación. Así, declarou que moitas entidades xa manifestaron a súa intención de participar e informou de que 20 dos 30 días do mes xa contan con algún tipo de acto.
Centro Cultural Lustres Rivas
Así mesmo, avanzou que o acto de apertura do Xuño da Cultura e as Artes será a inauguración do novo Centro Cultural Lustres Rivas que, situado na rúa do mesmo nome, foi adquirido recentemente polo Concello. O acto terá lugar o 31 de maio ou ben o 1 de xuño.
Ruiz Rivas explicou aos presentes algunhas das características desta nova dependencia municipal. Así, o centro disporá dun espazo para reunións para entre 12 e 14 persoas e cunha sala de actos con capacidade para 70. Tamén terá dúas salas de exposicións convertibles nunha soa en función das necesidades. Por outra parte, os traballadores de Cultura serán trasladados a esta nova sede. E a Biblioteca será ampliada coa intención de separar a aqueles que a empregan para consultar ordenadores de aqueles que estudan ou len.
Algunhas das asociacións asistentes amosaron in situ a súa vontade de implicarse no evento. Tal é o caso da Asociación de Empresarios, Renacer, Amas de Casa, Mulleres en Acción, o Ateneo Valle-Inclán e a Cofradía da Dorna.











