Blanca Ana Roig Rechou pechará mañá os Xoves Literarios de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+

A segunda edición dos Xoves Literarios de Riveira chegará mañá a súa fin coa charla que a profesora e investigadora Blanca Ana Roig Rechou ofrecerá sobre “Educación literaria, saberes e enciclopedia do mediador”.

A conferencia, que dará comezo ás 20 horas, terá lugar na Biblioteca Municipal e está aberta a todo o público que desexe asistir.

Blanca Ana Roig Rechou. Naceu en Portosín (Porto do Son). É profesora de Literatura galega e Literatura Infantil e Xuvenil nas Facultades de Filoloxía e Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela onde coordina o Grupo de Investigación LITER21 “Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas” (GI-1839). Investigadora no “Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades”, onde dirixe dous proxectos de Investigación “Informes de Literatura” e “Literatura Infantil e Xuvenil”.  Presidenta da Asociación Nacional de Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) e membro das Asociación de investigadores de Literatura infantil e J/Xuvenil galegos e portugueses (ELOS), da que foi presidenta. Tamén membro da asociación de investigadores galegos de Literatura Infantil e Xuvenil ELOS-Galicia. Investigadora principal da Red temática de investigación “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI). Autora de monografías e diferentes traballos sobre Literatura galega e literatura infantil e xuvenil, como se pode consultar en webspersoais.usc.es/persoais/blanca.roig/

24 de abril de 2013 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.