Alumnos de secundaria abarrotaron o Auditorio de Riveira na función de “O achado do Castro”

Público asistente á representación
Máis de 270 alumnos de secundaria de diversos centros educativos do municipio abarrotaron por completo o salón de actos do Auditorio durante a representación da obra “O achado do castro” por parte do Grupo Xuvenil Municipal de Teatro de Riveira.
Baixo a dirección de Segundo Chiki Durán, o elenco dramático ofreceu unha excelente interpretación da comedia escrita por Manuel Núñez Singala para celebrar o Día Mundial do Teatro, ante alumnos pertencentes ao IES Nº1, A Milagrosa de Oleiros. Sagrado Corazón de Castiñeiras e Ambar.
Hai que recordar que o Auditorio Municipal vai dar cabida tamén hoxe a unha representación nocturna (21.30 horas) que estará aberta a todos os públicos. Os interesados poden retirar a entrada media hora antes do comezo da mesma, ata encher o aforo.
Esta obra foi estreada na primavera do ano 1983 formando parte do elenco o propio autor da obra. Narra as aventuras de dúas ladroas que fan o imposible por acadar o medallón do César para facerse co poder do Imperio.
É unha comedia de enredo no que as aventuras das distintas personaxes farán que o respectable pase, sen dúbida, unha divertida xornada de teatro na nosa compaña.
A actividade forma parte da programación do “Abril, mes dos libros”, que rematará o martes 23 de Abril cun ciclo de cinema matinal e nocturno.











