Adxudicación provisional das obras de mellora dos servizos da rúa Canarias

Estado actual da rúa Canarias
A xunta de goberno resolveu na súa reunión celebrada na tarde de onte a adxudicación provisional das obras de instalación da rede de saneamento e abastecemento de auga e de renovación de pluviais na rúa Canarias, así como a apertura dunha rúa transversal que estará dotada dos servizos citados.
De entre as 43 empresas que se presentaron ao concurso, a que obtivo unha mellor clasificación resultou Espina Obras Hidráulicas, S.A.
O importe da proposta realizada por esta entidade ascende a 229.682,14 euros e o prazo de execución rebaixa os 150 días inicialmente contemplados no proxecto a 106 días.
A rúa Canarias é unha das máis importantes e con maior densidade de tráfico do municipio, xa que se trata dunha das principais vías de acceso e saída ao centro urbano. A día de hoxe, a súa calzada e de aglomerado asfáltico –bastante deteriorado- e carece de beirarrúas no seu trazado. Ademais, non existe rede de abastecemento nin de saneamento en toda a rúa, e a rede de pluviais só está renovada nun tramo –a maior parte está formada por tubaxes de formigón, o que provoca fugas e asentamentos-.
Co obxecto de erradicar estas eivas, plantéxase a instalación de novas redes de servizos, pavimentación e beirarrúas na rúa Canarias. A tal efecto, instalarase unha tubaxe de fundición dúctil de 150 milímetros de diámetro, un colector de PVC liso de 400 milímetros de diámetro para saneamentos fecais, e unha tubaxe de polipropileno de 1000 milímetros de diámetro para pluviais.
Por outra parte, mantendo os dous carrís de circulación existentes, disporanse beirarrúas por toda a súa lonxitude nunha das súas marxes e na outra nalgúns tramos. O pavimento das beirarrúas será de pedra granítica abuxardada de 60x40x4 centímetros ou de baldosa hidráulica dependendo da zona. O firme da capa de rodadura estará formado por unha mestura bituminosa en quente tipo D-12.
Novo vial
Por outra banda, o proxecto inclúe a apertura dunha rúa transversal que comunicará Canarias con Mariño de Rivera e descorrerá pola parte traseira do CEIP O Grupo e da Comisaría. Esta vía de nova creación contribuirá á desconxestión do tráfico rodado nunha zona con gran densidade de vehículos.
A ría transversal irá equipada cunha tubaxe de fundición dúctil de 100 milímetros de diámetro para o abastecemento de auga, un colector de PVC liso para o saneamento de fecais, un colector de PVC corrugado para o saneamento de pluviais e con puntos de luz sobre báculo en todo o trazado.
Ademais, disporanse beirarrúas de baldosa hidráulica por unha das súas marxes. A capa de rodadura estará formada por unha mestura bituminosa en quente tipo D-12.











