Aberto o prazo para solicitar a prestación familiar por fillos menores de 3 anos
Os Servizos Sociais de Riveira informan de que xa está aberto o prazo para presentar solicitudes dirixidas á concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2013, que outorga a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
A contía baséase nun pagamento único de 360 € por cada fillo menor que a persoa solicitante teña ao seu cargo, sen que o mesmo fillo poida dar lugar a máis dunha prestación.
Os interesados en recibir máis información sobre esta axuda ou ben presentar as súas solicitudes poden facelo no departamento de Servizos Sociais de Riveira, situado na praza 8 de Marzo, no edificio Miradoiro de Padín (tamén pódense presentar noutras instancias, entre elas as Xefaturas Territoriais da Consellería de Traballo e Benestar). O prazo remata o vindeiro día 11 de maio.
Segundo o DOG de 1 de abril de 2013, serán beneficiarias:
– As persoas que teñan ao seu cargo fillos menores de 3 anos na data de 1 de xaneiro de 2013 e que, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2011 nin elas nin ningún dos membros da unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración do IRPF.
– No caso de fillos/as adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2011 e o 31 de decembro de 2021, a prestación poderase conceder durante os tres anos posteriores á data da inscrición no Rexistro Civil ou, cando esta non sexa necesaria, a partir da data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.
– Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio, o pai/nai que teña a custodia dos fillos, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentenza de separación ou divorcio.
– Os estranxeiros que residan en Galicia, sempre que cumpran as condicións da Lei Orgánica 4/2000 de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social e os requisitos establecidos na presente norma e tiveran a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto da renda das persoas físicas.
Os requisitos para poder obter esta prestación son:
– Que os proxenitores teñan a súa residencia habitual na Comunidade Autónoma galega.
– Que na data da solicitude os nenos convivan coa persoa solicitante.
– Que por razón dos ingresos obtidos durante o 2011, nin elas nin ningún dos membros da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración do IRPF correspondente a ese período, nin a tivesen presentado de xeito voluntario aínda sen estar obrigados a iso.











