A II Ruta Arqueolóxica en Bici de Montaña percorrerá áreas prehistóricas de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalRiveira
A-
A+
Presentación da actividade deportiva

Presentación da actividade deportiva

O vindeiro día 21 de abril terá lugar no municipio de Riveira a Segunda Ruta Arqueolóxica en Bicicleta de Montaña: unha actividade coorganizada pola asociación As Miñoteiras, o Concello de Riveira e a peña ciclista Os Saltamontes, que dá continuidade a aquela primeira saída cicloturista que tivera lugar no mes de agosto de 2011. Se naquela ocasión o itinerario descorrera por distintos monumentos arqueolóxicos como o petróglifo da Pedra das Cabras, o menhir de Olveira ou o dolmen de Axeitos, agora o fío condutor son os asentamentos prehistóricos do municipio.

Así o deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa o concelleiro de Deportes do Concello, Juan Luis Martínez, xunto a Ramón Sampedro en representación da Asociación As Miñoteiras e Juan Santos, da peña Os Saltamontes.

Cunha lonxitude de 28 quilómetros, a ruta pasará entre outros fitos por unha serie de paraxes con marcado valor arqueolóxico como o miradoiro de A Garita, o peirao da Covasa, Os Pericos na punta de Couso, o Castro do Porto de Abaixo ou o Castro da Cidá. Ao longo do percorrido iranse producindo paradas periódicas nas que un monitor de As Miñoteiras explicará as singularidades dos asentamentos visitados e as lendas que os envolven.

O percorrido está catalogado de dificultade media-baixa, pois é intención da organización que calquera persoa cunha condición física de nivel medio poda tomar parte na actividade, adaptando ritmo e paradas aos ciclistas noveis. Dará comezo ás 9.30 horas en Coroso e durará en torno ás tres ou catro horas.

Poderá participar calquera veciño a partir dos 16 anos e é imprescindible levar casco. O prezo da actividade é de 5€ por persoa (inclúe asistencia mecánica gratuíta, ruta guiada, coche de apoio, avituallamento e servizo de duchas). O máximo de prazas a disposición son cen.

11 de abril de 2013 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.