140 veciños de Aguiño, Carreira, Santa Uxía e Palmeira asistiron aos cursos de informática que ofreceu o Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+
Entrega de diplomas aos participantes

Entrega de diplomas aos participantes

Uns 140 veciños do municipio riveirense estiveron a asistir no último trimestre aos diversos cursos de informática ofrecidos polo Concello, en colaboración con Amtega, e que se celebraron nas parroquias de Aguiño, Carreira, Santa Uxía e Palmeira .

Foron en total trece cursos,  dous dos cales estiveron dedicados a DNI electrónico e certificados dixitais; outros dous a retoque fotográfico; e os nove restantes a alfabetización dixital.

Na noite de onte tivo lugar no salón de actos do Auditorio Municipal o acto de entrega de diplomas, coa participación do alcalde Manuel Ruiz, do concelleiro de novas tecnoloxías, Emilio Pérez, e do axente TIC Abel Alonso.

Administración electrónica

O rexedor municipal puxo de releve a importancia de poñerse ao corrente das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e, de feito, avanzou que a propia administración local está a traballar na próxima posta en marcha de novos recursos informáticos que facilitarán que un cidadán poida realizar certos trámites dende a súa casa, sen se ter que desprazarse fisicamente ás dependencias municipais.

Por outra parte, Emilio Pérez avanzou que no próximo trimestre haberá máis cursos de informática, que está previsto se desenvolvan en Corrubedo, Artes, Castiñeiras, Palmeira e Santa Uxía. Moi pronto se abrirá o prazo de inscrición.

26 de abril de 2013 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.