Un campamento urbano ofrecerá aos pais a ocasión de conciliar vida laboral e familiar
A Concellería de Xuventude de Riveira pon en marcha un Campamento Urbano durante as primeiras datas da Semana Santa. A Área Municipal que dirixe Aroa Fernández Cadórniga organiza para os días 25, 26 e 27 de marzo esta actividade dirixida a rapaces de entre 6 e 12 anos, coa finalidade adicional de que os pais poidan conciliar a súa vida familiar e laboral nuns días que teñen carácter laboral pero non lectivo.
Ata o día de hoxe hai 39 nenos inscritos na acción, que funcionará entre as 9 e as 17 horas, os pais que o desexen poden inscribir ós seus nenos nesta actividade na Casa da Xuventude de Riveira (Avda da Constitución s/n Tlfn: 981 835 289). Sen embargo, non hai data límite de inscrición e os interesados poderán anotar aos seus pequenos no transcurso da actividade ata cubrir o límite de 50 prazas. O custe é de 15€ por neno.
Piratas
As actividades a ofertar vanse a desenvolver fundamentalmente coa estrutura de grandes xogos de animación en torno a unha temática común que este ano será a dos piratas. Aos rapaces plantexaráselles diversos retos ou aventuras a conquerir ou descubrir (caso da busca do tesouro), ademais doutras accións como xincanas fotográficas e todo tipo de actividades lúdicas.
Farase especial fincapé en utilizar o meirande número de espazos da cidade para a realización destas actividades: parques, prazas, instalacións públicas. Ademais, os nenos terán oportunidade de coñecer instalacións municipais, como o propio Consistorio.











