O Museo do Gravado de Artes exhibirá once exposicións ao longo do ano 2013

Exposición Manet Gauguin
O alcalde de Riveira e presidente da Fundación do Museo de Artes, Manuel Ruiz Rivas, presentou este mediodía o calendario de mostras que se exhibirán no transcurso do presente ano no Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes. Serán un total de 11 o número de exposicións que esta institución cultural está planificando amosar en 2013, segundo informou Ruiz Rivas, nun acto no que estivo acompañado da directora do recinto, Rocío Hermo.
Manuel Ruiz indicou que xa se pode contemplar a primeira das mostras organizadas. Trátase da exposición “Eclecticismo– Exotismo”, que se ofrece nas salas 2 e 3 do centro de Artes.
Esta mostra, que estará aberta durante o mes de marzo, consta de 83 heliogravados de dous dos máis importantes talentos da pintura do século XIX: os franceses Edouard Manet (1832-1883) e Paul Gauguin (1848-1903). Ruiz Rivas fixo fincapé na calidade das obras que se exhiben e animou á veciñanza a que visite tanto esta colección como o resto de exposicións que se sucederán ao longo do ano (achégase cronograma ao final do documento).
As outras 10 mostras son:
– “Arte da caricatura e crítica á modernidade”: con máis dun centenar de gravados e libros de Daumier para achegar á poboación a esta disciplina xurdida no século XVI.
– “Emocións do Picasso Sudamericano: Guayasamin”: estará formado por máis de 20 gravados de gran formato dun dos máximos representantes do indixenismo.
– “Homenaxe a Gravadores Galegos: Manuel Ayaso”: autor nacido en Aguiño do que Ruiz destacou que a pesares de desenvolver a súa carreira artística nos Estados Unidos nunca perdeu o referente da súa orixe.
– “IV Premios Internacionais Atlante”, á que se presentaran máis de 200 gravados de 23 países e distinguiu nesta edición a artistas procedentes de Bélxica, Polonia, Canadá ou Huelva, entre outros.
– “Antóloxica de Rodolphe Shömberg”: Amosaranse máis dun centenar de gravados deste artista belga, ambientados nos ríos de Nova Zelanda e nos pequenos portos dos seus arredores.
– “Novos da Barbanza Arte”: Preténdese divulgar a obra de novos artistas do Barbanza en varias áreas, como gravado, debuxo, escultura, pintura…
– “Barbanza Arte”: Amósase a obra de artistas consagrdos do Barbanza en todas as disciplinas artísticas, tanto antigos como contemporáneos.
– “Gonzalo Sarasquete”, con obras deste escultor nacido en Riveira e formado en Salamanca.
– “Proxecto Arte, unha Mirada dende a Palabra”: Preséntase como un itinerario dedicado ao libro como soporte e vehículo de expresión plástica o como unha forma de materializar o arte contemporáneo en formato de libro.
– “Falando para o colo da camisa” de Isabel Somoza, xoven artista lucense nacida en 1974.
Divulgación de autores locais
Durante a súa intervención Manuel Ruiz incidiu na aposta que dende o Museo do Gravado se quere facer este ano a prol de divulgar os artistas locais, con exposicións como “Barbanza Arte” e “Novos da Barbanza Arte” ou ás que estarán dedicadas a Manuel Ayaso e Gonzalo Sarasquete.
Ademais, deu conta do interese mostrado por diversas entidades (Universidade de Cantabria, Instituto Cervantes, Fundación Canal de Isabel II, Dirección Xeral de Migracións do Goberno do Estado…) de exhibir algunha das coleccións pertencentes aos fondos do museo: xestións nas que se está traballando con vistas á súa materialización.











