Arrancan as obras para a instalación da rede de saneamento en Reiriz e Olveira de Arriba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+
Tarefas de mellora

Tarefas de mellora

O Concello de Riveira informa do comezo das obras de instalación de saneamento e pluviais nos lugares de Olveira de Arriba e Reiriz, ambos situados na parroquia de Olveira. A empresa C. Aldasa, S.L.U. é a encargada de acometer esta actuación, cuxo investimento ascende a 281.747,34 euros e ten un prazo de execución de 61 naturais.

Os dous núcleos citados carecen de rede de saneamento e pluviais, existindo unicamente algún tramo de cuneta destinado a canalizar as augas superficiais. Así e logo, técnicos municipais elaboraron un proxecto co obxectivo de instalar unha rede de saneamento que ofreza servizo aos veciños de ambas zonas. Estas obras consistirán na colocación de dúas tubaxes (unha de 1.119 metros e outra de 164) de PVC compacto, dispoñéndose 43 pozos a 1,70 metros de profundidade e outros 13 a 2,90 metros.

A través dos colectores indicados conduciranse as augas fecais por gravidade ata o punto máis baixo do trazado, onde se implantará un bombeo no que se instalarán dúas bombas somerxidas. Dende aí, as augas impulsaranse a través dunha tubaxe de polietileno de alta densidade ata a súa conexión á rede xeral.

Tamén se prevé a instalación dunha rede de pluviais a través de dúas tubaxes de 371 e 177 metros de PVC corrugado. Disporanse 26 pozos a 1,70 metros de profundidade, 17 arquetas sumidouro e unha canaleta con reixa de 37 metros.

Pavimentación

No que se refire á pavimentación, se empregarán diversos materiais en función da zona. Así, no núcleo de Olveira de Arriba e nunha parte do núcleo de Reiriz se colocará adoquín rústico de dimensións 20x10x6 centímetros; mentres que en diversos ramais de Reiriz se pavimentará con formigón armado.

A actuación está adscrita ao canon de saneamento derivado da adxudicación do servizo de augas.

6 de marzo de 2013 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.