Adxudicación provisional da reparación e mellora do paseo marítimo de Coroso

Paseo de Coroso
O Concello de Riveira vén de adxudicar de xeito provisional as obras de reparación e mellora do paseo marítimo de Coroso. Entre as 41 ofertas presentadas, a da empresa Acciona Infraestructuras, S.A., foi a que obtivo a máis alta cualificación. De acordo con esta proposta, o importe da actuación ascende a 442.944,02 euros, IVE incluído, e rebaixa o período de execución da obra dende os seis meses inicialmente incluídos no proxecto a un total de catro (120 días naturais), o que permitirá que cando chegue o verán a parte máis importante da obra xa estará executada e que o paseo estea en disposición de ser disfrutado polos veciños e visitantes.
A actuación inclúe a renovación do colector de saneamento instalado ao principio do trazado e o reforzo da cimentación desta parte do muro, un carril bici que conecta o xa existente con As Carolinas, a construción de dous voladizos-miradoiros de 40 e 80 metros para compensar a subsecuente redución de espazo peonil, escalinatas remozadas á praia, a substitución da varanda metálica exterior, a restauración dos perpiaños desprendidos e a reposición de todas as lousas en mal estado ao longo do paseo.
Inaugurado en 2000, o paseo está delimitado en tres tramos: un primeiro duns 400 metros de lonxitude que se sitúa a unha cota superior ao do areal e se apois sobre un muro de formigón con perpiaños de granito; un segundo tramo de 800 metros no que se dispuxo un carril bici de tres metros de ancho e un paseo peonil de cinco metros; e unha senda de madeira no sistema dunar das Saíñas que enlaza coa zona do cámping de Coroso.
Boa parte das accións centraranse no primeiro tramo. Esta zona ten importantes deperfectos tanto na pavimentación (lousas rotas ou moi danadas), como no colector de saneamento que descorre pola praia a pé de paseo, con tramos de tubaxe á vista e puntos de rotura que inciden na propia cimentación do muro marítimo e nas escalinatas de acceso, algunhas semiderruídas ou en mal estado.
En consecuencia, o Concello instalará unha nova tubaxe de 225 metros lineais feito de polietileno corrugado e con 500 milímetros de diámetro. Estará protexida por unha envoltura de formigón que, a diferenza do que acontece actualmente (hai separación entre colector e muro), irá adosada ao propio paseo, actuando así como un importante reforzo da súa cimentación.
O novo trazado do colector afectará tamén ás escaleiras de acceso, de tal xeito que se construirán outras novas recuperando os perpiaños e peldaños de granito das antigas. Terán un deseño semellante ao actual, pero cun trazo recto. Tamén se restaurarán os perpiaños danados ou fóra de sitio do muro.
Carril bici
Unha das grandes novidades do proxecto é a dotación ao tramo inicial dun carril bici que vai enlazar co que xa existe na zona central e se conectará co futuro carril do Paseo das Carolinas. O propósito último do Goberno Local é introducir gradualmente un trazado ciclista integrado no borde litoral, tal e como se desprende por exemplo do proxecto do paseo de O Touro tamén adxudicado.
Co fin de compensar a redución de espazo peonil a raíz do carril bici e de facilitar as vistas á ría, instalaranse dous voladizos-miradoiros. O primeiro deles, de 40 metros de lonxitude, estará situado á altura da baixada da rúa da Insua, mentres que o segundo, de 80 metros, construirase entre as dúas escalinatas centrais que dan á praia, entre os accesos das rúas Noro e Lajareu. Os voladizos serán pavimentados con lousas de granito abuxardado gris Mondariz de dimensións de 60×40 centímetros.
A introdución do carril bici vai significar a desmontaxe de máis de 1.200 metros cadrados de lousas de granito, o que permitirá o seu aproveitamento para renovar as lousas rotas do paseo marítimo en toda a súa lonxitude. Tamén se utilizarán estas lousas nos puntos de conexión do colector xeral proxectado cos ramais das rúas perpendiculares ao paseo que se conectan con esta condución.
Por último, a varanda metálica exterior será substituída por outra máis lixeira e transparente que posibilite contemplar o mar dende todos os puntos do paseo.











