A liquidación do orzamento 2012 constata a boa saúde financeira do Concello de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+

Un ano máis, os resultados da liquidación do Orzamento Municipal do Concello de Riveira correspondente a 2012 constatan a boa saúde financeira que vén caracterizando a esta Administración e a capacidade económica que ten o Executivo, xa non só para facer fronte aos gastos ordinarios da actividade municipal, senón para dar continuidade aos importantes proxectos e inversións que ten en marcha ou en preparación o Goberno que dirixe Manuel Ruiz cara o avance de Riveira .

Así, cómpre sinalar os excelentes resultados reflectidos en dous indicadores fundamentais á hora de estimar a solvencia dunha entidade local: o remanente xeral de tesourería e o remanente axustado para gastos xerais.

No que respecta ao primeiro guarismo, cabe informar de que o remanente xeral de tesourería foi de 11,289.660 euros euros, o que representa un incremento dun 24,79% sobre o exercicio anterior (8.490.199 euros). En canto ao remanente axustado para gastos xerais (que, se é positivo como é o caso de Riveira, pode ser empregado incorporándoo ao orzamento en vigor), este ascendeu a 3.988.386 euros: un 39,11% máis que na liquidación de 2011 (2.428.327 euros).

Resultado orzamentario

Polo que se refire á ratio do resultado orzamentario (é dicir, a diferenza entre os dereitos liquidados durante o exercicio e as obrigas recoñecidas durante ese mesmo período) tamén arroxou un resultado positivo de 2.806.191 euros (un 36,81% máis que na liquidación anterior, que foi de 1.773.076 euros). O resultado orzamentario axustado foi de 3.643.297 euros.

Por outra banda, hai que destacar que os fondos líquidos que tiña o Concello a disposición a 31 de decembro de 2012 ascendían nada menos que a 10.688.717 euros, cifra moi semellante a do anterior exercicio.

Boa xestión de ingresos

Un dos factores que máis influíron na consecución destes números tan positivos reside na boa xestión de ingresos realizada polo Concello. O feito de que á hora de confeccionar os orzamentos municipais do ano pasado se optase por un plantexamento realista e prudente redundou en que mesmo se superasen nun 10% os ingresos obtidos en relación ao inicialmente previsto.

Froito de todo o exposto, o Concello dá cumprimento á senda financeira marcada polo plan de axuste aprobado pola Corporación -co visto bo do Ministerio- e cúmprese tamén o obxectivo de estabilidade decretado por Europa.

Da liquidación do orzamento de 2012 darase conta o vindeiro luns no plano ordinario da Corporación Municipal.

22 de marzo de 2013 | 20:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.