A exposición “3236 días” de Fernando Yáñez viviu unha inauguración multitudinaria

Público asistente á inauguración
O Auditorio Municipal de Riveira foi escenario na noite do pasado venres da inauguración da exposición “3236 días”, do artista Fernando Yáñez. O acto contou coa presenza dun público multitudinario, entre o que hai destacar a asistencia de decenas de alumnos e alumnas do colexio Galaxia, centro onde este artista lucense nacido en 1978 imparte clases de Educación Plástica e Historia da Arte dende hai dous anos. A mostra estará aberta ata o 25 de abril
Fernándo Yáñez quixo agradecer ao alcalde de Riveira, Manuel Ruíz Rivas, e á concelleira de Cultura, Elvira Pisos, a súa axuda para levar a cabo este proxecto e o apoio do Concello cara o desenvolvemento da cultura en xeral, e máis nestes tempos de crise. Tamén deu as grazas á Deputación da Coruña pola elaboración dun catálogo coa súa obra.
O alcalde quixo dar as grazas a todos os asistentes pola súa presenza na inauguración e resaltou a importancia que ten para un pobo investir en cultura e en educación.
Na mostra exhíbense obras de Fernando Yáñez creadas desde o ano 2003 ata o 2012, eses 3236 días que recolle o título. A exposición está composta por aproximadamente trinta pezas, na súa maioría pintura, pero tamén varias esculturas -obras nas que segue a mesma liña artística que na pintura só que xogando co valor tridimensional que lle aporta esta técnica artística-.
Aínda que nestes momentos na súa produción artística hai ecos á presenza figurativa, a obra de Fernando Yáñez é fundamentalmente abstracta. Pollock, De Kooning ou Kline do expresionismo abstracto americano e Tápies da corrente informalisma europea son os seus principais referentes.
Como complemento a esta exposición e, dentro da programación de Abril de Cinema, proxectarase o vindeiro 17 de abril a película Pollock, dirixida e protagonizada por Ed Harris; ofreceranse dous pases, o primeiro ás 10.30 h. dirixido a alumnos de secundaria do concello de Riveira e o segundo ás 21.00 h. aberto ao público en xeral; en ambos casos a entrada é gratuíta ata completar aforo.
A mostra estará aberta de luns a venres de 10 a 14 horas e tamén os martes e mércores de 18 a 20.30 horas.











