40 candidaturas optarán a algún dos 17 galardóns da VIII Gala do Deporte de Riveira

Presentación das candidaturas
O concelleiro de Deportes Juan Luis Martínez Queiruga deu hoxe algunhas pinceladas do que será a VIII Gala do Deporte de Riveira, pero tamén quixo reservarse certas sorpresas, principalmente a identidade dos 17 gañadores e gañadoras deste certame que se celebrará ás 20 horas do venres no Auditorio Municipal.
Segundo informou o edil, este ano presentáronse 40 candidaturas para un total 17 galardóns: un máis que o ano pasado, xa que ás 16 categorías xa existentes se engade un novo premio para distinguir o mellor labor investigador.
O que si desvelou Martínez Queiruga foi o nome das tres mencións especiais que se entregarán no evento. Unha delas terá por destinatario a Moncho Sampedro, especialista en sendeirismo pertencente á Asociación As Miñoteiras; mentres que as outras dúas se concederán a título póstumo a José Manuel Pérez Sampedro, ‘Mariscal’ (persoa moi ligada ao deporte local, especialmente a través das funcións que exerceu no Atlético Riveira) e a Miguel Rodríguez, Miguel do Áncora, quen fora fundador da liga de fútbol sala en 1976.
Sobre o evento, o concelleiro manifestou que durará entre 80 e 90 minutos e estará dividido en cinco bloques. Tamén avanzou que no seu transcurso actuará un humorista monologuista.
A entrada é libre e gratuíta. Os interesados en asistir poderán retirar as súas entradas ás 19.30 horas, é dicir, media hora antes do inicio da gala.
Cada premiado recibirá un galardón consistente nunha réplica do León de Padín obra do artista local Jontxu Argibay.
As 17 categorías son:
– Mellor Deportista feminina discapacitada
– Mellor deportista masculino discapacitado
– Mellor xuíz / árbitro
– Galardón especial ao labor investigador
– Patrocinio deportivo
– Deportista revelación masculino (sub 18)
– Deportista revelación feminina (sub 18)
– Mellor equipo masculino
– Mellor equipo feminino
– Mellor deportista feminino
– Mellor deportista masculino
– Mellor Club local
– Mellor entidade na promoción do deporte base e do deporte para todos
– Mellor labor informativa
– Mellor evento deportivo
– Mellor adestrador
– Mellor club educativo na promoción do deporte escolar











