300 nenos participarán nunhas actividades con motivo do Día da Árbore
Un ano máis o Concello de Riveira con motivo da celebración do “Día da Árbore”, e coa vontade de colaborar na educación ambiental dos nosos escolares, organiza unha visita didáctica e de plantación de árbores autóctonas ao Parque Periurbano de San Roque (Frións) para o vindeiro día 21 de marzo.
Todos os anos o Concello de Riveira realiza actividades coma esta amosando o seu compromiso co Medio Ambiente e axudando na formación dos máis pequenos neste ámbito, pois nun sitio coma este a concienciación sobre o medio é moi importante, posto que goza de lugares tan importantes como o Parque Natural das Illas Atlánticas, o Complexo Dunar de Corrubedo ou o propio Parque Periurbano de San Roque.
Un total de 10 centros de ensino con 300 alumnos de terceiro de primaria acudirán cos seus mestres a este evento organizado polo Concello de Riveira a través das Áreas Municipais de Educación e Medio Ambiente, e que incluirá a plantación dun castiñeiros por cada centro participante.
Os centros asistentes son: CEIP Aguiño, CEIP Artes, CEIP Olveira, CEIP Plurilingüe de Carreira, CEIP O Grupo, CEIP Frións, CPR Galaxia, CPR Bayón, CPR Sagrado Corazón de Jesús, CPR La Milagrosa e, como todos os anos, tamén se contará coa presenza de 20 alumnos de Ambar xunto cos seus monitores e coidadores.











