18 empresas interesadas na elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Riveira

Trama urbana cidade de Riveira
Unha vez concluída a presentación do prazo de presentación de ofertas, son un total de 18 o número de empresas interesadas en redactar o Plan de Mobilidade Urbana Sostible que vén de sacar a licitación o Concello,
Esta iniciativa, que está incluída dentro do proxecto Riveira Atlántica 2015 ( que está cofinanciado nun 70% con Fondos FEDER da Unión Europea, dentro do eixo 5 de “Desenvolvemento sostible rural e urbano) conta cun orzamento total de licitación de 147.620 euros e ten un prazo de execución de 30 semanas para a redacción do estudio contadas desde a firma do contrato. O procedemento é aberto e de tramitación ordinaria, con multiplicidade de criterios de adxudicación.
Mellorar a mobilidade e seguridade viaria
A mobilidade sustentable tense convertido nunha preocupación compartida pola maioría de cidades europeas, que pretenden sensibilizar á poboación sobre a importancia que supón a adopción de medidas que respondan ao desafío que entraña o desenvolvemento urbano. O Concello de Riveira non é alleo a este contexto e marcouse como prioridade un uso coordinado e adecuado dos distintos medios de transporte para procurar unha cidade máis accesible e segura e na que a mobilidade supoña un menor impacto ambiental . Isto materializarase de distintos xeitos:
– Integrando as políticas de desenvolvemento urbano e sostible con políticas de mobilidade, de modo que se propicie a accesibilidade dos cidadáns ás súas actividades con menor impacto ambiental e de xeito máis seguro.
– Reducindo a contaminación atmosférica e acústica e o consumo de enerxías non renovables.
– Mellorando a accesibilidade en xeral e, en particular, reducindo a necesidade de mobilidade mediante o vehículo privado, favorecendo as condicións que propicien e prioricen á mobilidade en transporte público colectivo e de modos non motorizados.
– Desenvolvendo e mellorando a oferta dos diferentes modos de transporte público e formulando propostas que contribúan á mellora de seguridade viaria.
– Fomentando a mobilidade a pé e en bicicleta mediante a construción ou reserva de espazos e a supresión de barreiras arquitectónicas ao peón e a bicicleta, nun entorno axeitado, seguro e agradable para os usuarios.
– Xestionando a mobilidade en aspectos relativos a grandes centros de atracción de tráfico, como o porto ou a área industrial.
Catro fases de traballo
O PMUS será elaborado a través de catro fases de traballo, consistentes na recollida de información básica e análise, nunha segunda fase de diagnose, nunha terceira de definición do marco operativo de toma de decisións e, por último, na redacción do documento final.
O Concello será o encargado da dirección técnica do PMUS, constituíndo unha Comisión Municipal presidida polo alcalde (ou concelleiro en quen delegue) e formada ademais polos edís de Urbanismo e Seguridade Cidadá, a enxeñeira municipal, o técnico de medio ambiente, un aparellador do Departamento de Urbanismo, un representante da Policía Local e persoal responsable do Plan de Comunicación do PMUS.
Valorizar os atributos turísticos de Riveira, puntal para o crecemento socio-económico
O propósito xeral deste proxecto de longo percorrido, Riveira Atlántica 2015, é a transformación do Concello de Riveira nun destino turístico de primeira orde baseado nos seus propios recursos naturais, patrimoniais e industriais. O desenvolvemento integral do proxecto contribuirá de forma directa ao crecemento do emprego e á diversificación da actividade económica, partindo da rexeneración de dúas unidades paisaxísticas con identidade diferenciada: a dinámica fluvial propia da área litoral interior da contorna rural e a dinámica marítima do espazo urbano.
Os principais obxectivos estratéxicos céntranse na promoción económica, na creación de emprego e oportunidades comerciais a través da diversificación produtiva e mellora das infraestruturas e servizos locais, na calidade ambiental e a protección da contorna natural e o patrimonio cultural, fomentando ao mesmo tempo a Sociedade da Información e universalización do acceso ás TIC, facendo fincapé na conciliación familiar e a cohesión social.











