14 ofertas presentadas no proxecto Web-Xis Turístico-Patrimonial do municipio de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRiveira
A-
A+

Un total de catorce empresas presentaron cadansúas propostas para crear unha plataforma para a xestión e a difusión dos datos xeográficos de carácter turístico e patrimonial do municipio: unha das actuacións incluídas dentro do proxecto paraugas Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con Fondos FEDER da Unión Europea. De acordo co pliego de prescripcións técnicas, a creación da Web-Gis Turístico-Patrimonial ten cun orzamento de licitación de 136.730 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 9 meses desde o momento da formalización do contrato.

O obxectivo do presente contrato consiste na contratación dunha plataforma de xestión e difusión integral de datos xeográficos de carácter turístico e patrimonial, así como de xestión dos servizos urbanos do municipio.  A plataforma constará dos seguintes compoñentes:

> Visor web bo que se distingan dous tipos de clientes: un de carácter público e outro privado. O xeoportal público será o encargado de amosar a información xeográfica, permitindo á cidadanía a consulta e extración de información de interés. O Xis privado será a plataforma encargada de xestionar as capas de información que serán de consulta no xeoportal público e levar un seguimento e realizar a edición da información procedente do control dos servizos urbanos (“smart village”).

>Panel de control e administración integrado para a xestión e actualización de datos. Para xestionar a información mostrada no visor web.

> Portal da Cidadanía para a carga de incidencias e participación pública: permitirá a calquera usuario dar de alta calquera incidencia que teña que ver co ámbito do Concello en calquera tipo de servizo urbano ou información xeográfica.

> Creación dun modelo de datos, base de datos e carga de información. Recollerase todos os datos que sexan de interese relativos á arquitectura civil (pazos, pontes,…), relixiosa  (igrexas, capelas…)= e popular (fontes, lavadoiros…), á cultura (museos, bibliotecas, centros de interpretación…), á industria agroalimentaria (granxas, mercados, charcuterías…), hostalería (hoteis, hostais, cámpings, casas de xantares…), espazos naturais (miradoiros, parques naturais, praias…), arqueoloxía (petróglifos, castros,…), servizos (gasolineiras, farmacias, centros sociais,…) e outra información de interese (puntos de información, policía, taxi, cotos de caza e pesca…). Cada elemento introducido conterá unha descrición, unha galería fotográfica, unha dirección e datos de contacto, se existisen. Ademais, a capa adxudicataria deberá dotar ao proxecto de capas de equipamentos e infraestruturas locais, sinalando os atributos de cada un dos seus elementos. Entre as capas deberán incluírse as relativas á iluminación, contedores de lixo, liñas eléctricas, liñas de gas, auga, telefonía/rede de datos, saneamento, abastecemento, correos, marquesinas/apeadoiros, quioscos, pasos de peóns, semáforos e parques infantís e de maiores.

> Plataforma “smart village” para a xestión de servizos urbanos, entre os que se suxiren a recollida de lixo e tratamento de residuos sólidos urbanos, a eficiencia e xestión enerxética, o transporte urbano e tráfico, a mobilidade peonil e sostible e a xestión da auga.

> Plan de Formación. Orientado por unha banda aos administradores do sistema e por outro a técnicos municipais.

Os compoñentes serán programados preferentemente en código aberto e multiplataforma. En calquera caso, a tecnoloxía ofertada deberá garantir a independencia tecnolóxica do Concello para a evolución, ampliación e mantemento da aplicación e dos datos por un tempo indefinido. Así mesmo, o uso da aplicación e dos datos non estará suxeito en ningún caso, e por tempo indefinido, a custe derivado do uso de licencias.

A arquitectura tecnolóxica á de ter en conta entre outros factores a posibilidade de integración cos dispositivos móbiles máis estendidos do mercado, así como coas funcionalidades das redes sociais e Web 2.0 cara á participación do usuario e a difusión de contidos a través de Internet.

Valorizar os atributos turísticos de Riveira, puntal para o crecemento socioeconómico

O propósito xeral deste proxecto de longo percorrido é a transformación  do Concello de Riveira nun destino turístico de primeira orde baseado nos seus propios recursos naturais, patrimoniais e industriais. O desenvolvemento integral do proxecto contribuirá de forma directa ao crecemento do emprego e á diversificación da actividade económica, partindo da rexeneración de dúas unidades paisaxísticas con identidade diferenciada: a dinámica fluvial propia da área litoral interior da contorna rural e a dinámica marítima do espazo urbano.

Os principais obxectivos estratéxicos céntranse na promoción económica, na creación de emprego e oportunidades comerciais a través da diversificación produtiva e mellora das infraestruturas e servizos locais, na calidade ambiental e a protección da contorna natural e o patrimonio cultural, fomentando ao mesmo tempo a Sociedade da Información e universalización do acceso ás TIC, facendo fincapé na conciliación familiar e a cohesión social.            

14 de marzo de 2013 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.