11 combates de boxeo, kick boxing e full contact o sábado na Fieiteira

Presentación da “velada de boxeo”
Este sábado 30 de marzo, ás 22 horas, o polideportivo municipal de A Fieiteira vai dar cabida á velada de boxeo, kick e full contact “Cidade de Riveira”: unha cita organizada pola escola de boxeo El Canario, coa colaboración do Concello de Riveira, co fin de conmemorar o primeiro aniversario do club e, de paso, dar a coñecer estes deportes de combate na comarca barbanzana.
Para ofrecer detalles do acontecemento recalaron na Casa Consistorial o concelleiro municipal de Deportes, Juan Luis Martínez Queiruga; o director da citada Escola, Israel Benítez Somoza; e os xóvenes puxilistas locais Carlos Villa Santos e Javier Vidal Fernández.
Neoprofesional
Na velada disputaranse once combates, incluíndo un de categoría neoprofesional co actual campión galego en boxeo olímpico, Aarón González, que se enfrontará ao coruñés Diego Ferro Couceiro. Catro serán de boxeo, catro de kick boxing e tres de full contact, un deles feminino.
Os clubs participantes son o Team Planas (A Coruña), APB (Pontevedra), La Vieja Escuela (Vigo), CAMM (Santiago), Kempo Barbanza (Riveira), Noia (Noia) e El Canario (Riveira).
A excepción do combate neoprofesional, os dez restantes enfrontarán a unha selección de competidores da comarca do Barbanza contra os deportistas chegados dos restantes clubs de Galicia.
Por parte do club organizador participarán Iván Ferreirós, ademais dos xa citados Carlos Villa e Javier Vidal.
Carlos Villa ten 22 anos e procede de Palmeira; estrearase como competidor na disciplina de kick boxing, se ben conta cunha ampla experiencia en sandá (unha modalidade de kung fu), da que se proclamou vencedor na súa categoría no campionato de inverno autonómico de 2012.
Javier Vidal ten 17 anos, é de Riveira, estréase en competición oficial en full contact, deporte que vén practicando desde o ano 2010, ao igual que o sandá, do que foi segundo no campionato de inverno de 2012.
Na rolda de prensa de hoxe, ambos amosáronse moi ilusionados e convencidos das súas posibilidades de gañar os seus combates pese á curta experiencia nas disciplinas ás que acoden.
Entradas
O prezo das entradas para presenciar este espectáculo deportivo é de cinco euros para a grada e oito euros en cadeira. Poden adquirirse de forma anticipada no ximnasio Sandá de Riveira, no bar Tenerife de Carreira e en taquilla o día do evento.
A celebración do evento é posible grazas ao patrocinio de máis de corenta empresas da comarca.











