Universitarios da USC realizarán prácticas profesionais en Sada
Un total de dezaoito universitarios realizarán prácticas profesionais en distintos departamentos do Concello de Sada grazas á adhesión ao convenio que Ernesto Anido asinou hai uns días.
O obxecto deste convenio é abrir as portas e facilitar que os estudantes da USC poidan desenvolver as súas prácticas no concello de Sada cunha dobre finalidade: perfeccionar a súa formación e especialización nunha área tan particular como o municipalismo e, por outro, lograr os créditos necesarios para finalizar os seus estudos. A novidade deste convenio radica en que non se cingue a unha única facultade senón que abarca a totalidade de titulacións do a USC.
Desta maneira en Sada realizarán prácticas profesionais cinco universitarios no departamento de Servizos Sociais, un de grao de Educación Social, outro de Traballo Social, dous en grao Psicoloxía e outro do master universitario en Educación, Xénero e Igualdade.
A área de Cultura do Concello verase aumentado coa achega de oito universitarios que proveñen de graos de CC Cultura e Difusión Cultural, Historia e Historia da arte así como do master universitario en Servizos Culturais.
Pola súa banda a concellaría de Promoción Económica contará con tres universitarios dous de grao en Xeografía e ordenación do Territorio e un do master en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica.
A partir de agora os alumnos universitarios da USC realizarán as prácticas no Concello de Sada conforme ao establecido nos plans de estudo correspondentes, computándose un crédito por cada 25 horas de práctica.











