Porriño conmemora o 18 aniversario do grupo de teatro Fontevella
A agrupación teatral Fontevella de Porriño está de aniversario. O vindeiro domingo, día 17 de febreiro, cumpre 18 anos desde os seus inicios e con tal motivo a Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) organizou un ciclo de teatro que traerá a Porriño a representación de tres obras os próximos días. O alcalde Nelson Santos, a concelleira de Cultura Teresa Veloso e Chelo Pampillón, directora de Fontevella, ademais de presidenta da Fegatea e de Atrezo Teatro, presentaron esta mañá a programación na Casa Consistorial. Alcalde e concelleira coincidiron en sinalar “o mérito que teñen todas as persoas que compoñen Fontevella”, recordando tamén a aquelas que xa non están, “pois a media de idade destes actores é de 80 anos e no escenario desenvólvense como unha persoa nova, memorizando os guións e realizando unha boa interpretación”. Neste sentido, Pampillón apuntaba que “son persoas cunha longa traxectoria e que cada ano que pasa é para eles un ano máis de ilusión, de conseguir manterse activo facendo teatro, teatro para un mesmo pero sobre todo para os demais, porque traballan sempre pensando nos espectadores”, por iso é polo que a directora enviou unha mensaxe de convocatoria, invitando a todo o mundo ás tres obras que se representarán no centro cultural este xoves, o venres e o domingo, con entrada libre e gratuita ata completar aforo.
Fontevella é un grupo de 14 veciños de Porriño e de Mos, de entre 68 e 87 anos, que ensaian semanalmente no Centro Sociocomunitario porriñés. O ciclo inaugúrase este xoves, coincidindo ademais co Día dos Namorados, co estreo da obra Prohibido casar, baseada na peza Queda terminantemente prohibido o suicidio de Douro Piñeiro. Será ás 20.30 horas cando os integrantes de Fontevella súbanse ao escenario para deleitar ao público cunha historia de amor.
O venres día 15, á mesma hora, a agrupación O Trasno Novo Teatro interpretará Consuelo e o domingo 17, ás 17.30 horas, Hipócrita Teatro poñerá en escena a comedia infantil Unha historia con pau, dirixida aos máis pequenos da casa.
A xornada dominical completarase cunha comida de confraternidad organizada pola dirección do Centro Sociocomunitario.











