O Balonmano Porriño tómase a revancha no derbi
MECALIA GUARDÉS – BALONMANO PORRIÑO 22-25
Mecalia Guardés: María Esteban, Ana Cerqueira (5), Vanesa Amorós (2), Alesia Kurchankova, Andrea Dapena (3), Alba Dapena (8), Andrea Simón (1) -sete inicial-, Bárbara Cerqueira (2), “Maxa” Makarenko (p.s.), Carla Abad, Judith Ramos, Alba Martínez, Raquel Lorenzo e Lara Morais (1).
Balonmano Porriño: Iris, Estela Doiro (11), Cecilia Cacheda (4), Isa Bastero (4), Alicia Fernández (2), Sandra Costas (3), Lorena Pérez (1), Nekane Terés -sete inicial-, Nina (p.s.), Maialen Mugica, Ana Rodríguez, Sarai Sanmartín, Ana Alfaya e Carla Rivas.
Parciais: 2-3, 3-7, 5-8, 7-9, 8-11, 9-15 (descanso), 10-16, 13-18, 15-21, 16-22, 17-24 e 22-25 (final).
Árbitros: Sergio Rodríguez e André Rosendo (Galicia). Excluíron ás locais Alesia, Andrea Dapena, Alba Dapena e Vanesa Amorós e ás visitantes Estela e Nekane (2).
Incidencias: Encontro correspondente á décimo sexta xornada da División de Honra de balonmán feminino.
O Balonmano Porriño acudía á cancha do Mecalia Guardés para afrontar o histórico segundo derbi galego na División de Honor feminina con ganas de revancha. Moitas. A derrota encaixada na primeira volta no Municipal doera ao conxunto de Abel Estévez, que esperaba ansioso este momento de demostrar a todos e en especial a elas mesmas que aquel encontro fora un accidente. Esa motivación deixouse notar desde o primeiro instante ante un Guardés que contou coa importante baixa de Saric e viu moi pronto como as porriñesas abrían unha interesante brecha no marcador (3-7, min.5) que souberon manter moi ben durante o resto do choque.
A concentración defensiva foi a principal clave da vitoria do BM Porriño, que axustou perfectamente a súa defensa para secar por completo á lateral bielorrusa Alesia Kurchankova. Cunha das súas referencias ofensivas anulada, o Guardés observaba como as visitantes, lideradas por unha excelente Estela Doiro (11 goles), consolidaban a súa diferenza co paso dos minutos (5-8, min.15; 7-9, min.20; 8-11, min.25). De feito, un tanto de falta directa de Isa Bastero co tempo cumprido permitía ás porriñesas marcharse ao intermedio coa diferenza na máxima expresión (9-15, min.30).
Os intentos do Guardés por recortar distancias ao comezo da segunda parte non terminaban de dar os froitos esperados posto que o BM Porriño mantíñase moi serio (10-16, min.35; 13-18, min.40). Con todo, a lesión da súa porteira Iris, que tivo que retirarse por un problema nun xeonllo, abría a porta a un cambio no partido. Non foi así porque Nina supliu á perfección á súa compañeira e mantivo o bo rendemento ofrecido ata ese momento pola portería do Balonmano Porriño.
Ás locais acabábaselles o tempo (16-22, min.50; 17-24, min.55) e optaron por unha defensa mixta sobre Estela Doiro que se lle atragantou ao conxunto de Abel Estévez. Por un momento apareceu a pantasma da derrota encaixada ante o Itxako nun partido que tamén parecía controlado e esfumouse nos últimos minutos. Pero xurdiu Cecilia Cacheda para marcar dous importantísimos goles rozando o pasivo e deixar sen premio o esforzo final do Guardés (22-25).











