Casi 800 persoas visitaron xa a exposición do PXOM de Sada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSada
A-
A+
Veciños comprobando o PXOM

Veciños comprobando o PXOM

Case 800 persoas visitaron nas dúas primeiras semanas as dependencias municipais habilitadas polo Concello nos baixos do hotel Sada Mariña para expor ao público o Plan Xeral de Ordenación Urbana Municipal, que rexerá o urbanismo no municipio durante os próximos 16 anos.

A exposición, aberta ao público o pasado 22 de xaneiro, permite aos cidadáns consultar os planos e toda a documentación sobre a futura normativa urbanística e recibe cada día unha media de 60 visitas, o que fai que 780 persoas pasasen xa por ela nos primeiros 13 días.

A mostra, que permanecerá aberta durante dous meses, conta coa presenza de persoal técnico do equipo redactor do plan urbanístico que explica aos visitantes os aspectos puntuais polos que cada un se interesa. Ademais, persoal do Concello facilita fotocopias dos planos ou da normativa pola que se interesan os cidadáns.

Do total de visitantes, 325 veciños mantiveron entrevistas persoais co arquitecto do equipo redactor, mentres que o resto optaron consultar os documentos expostos. A todos eles facilítaselles un exemplar da edición resumida da PXOM que o Goberno Local editou para difundir o contido do documento urbanístico entre os cidadáns. O contido íntegro da PXOM pode consultarse ademais a través da páxina web do Concello, www.concellodesada.com.

O Plan Xeral de Ordenación Urbana de Sada, aprobado xa de forma inicial pola maioría absoluta da Corporación Municipal, someterase agora a un período de alegacións durante o que os veciños poderán expor cantas suxestións desexen achegar para mellorar o seu contido.

O alcalde de Sada, Ernesto Anido, anima aos veciños a expor cantas suxestións e alegacións consideren que son necesarias para mellorar o contido dun documento que rexerá o urbanismo de Sada durante os próximos 16 anos.

En opinión de Anido, o Plan Xeral de Ordenación Urbana ?é un documento técnico elaborado por un dos equipos redactores máis reputado do urbanismo en Galicia, pero agora toca quenda de realizar cantas achegas sexan precisas para mellorar a redacción inicial e iso ?dixo- correspóndenos a todos os sadenses?.

Cando finalice o período de exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal  comezará a fase de resolución das alegacións, tras o que a PXOM será sometido a unha nova aprobación polo pleno da Corporación. A continuación o documento será remitido á Xunta para a súa aprobación definitiva.

Entre as principais características do Plan Xeral de Ordenación Urbana elaborado durante a primeira metade do mandato de Ernesto Anido atópanse o aumento da capacidade residencial, con case un milleiro de vivendas máis que as previstas no documento que elaboraba o bipartito formado por socialistas e nacionalistas; e a multiplicación por nove das zonas verdes, que pasarán dos 48.000 metros cadrados actuais aos 444.000 con que Sada contará tras a completa execución da PXOM.

Este incremento das zonas verdes será posible tras a creación de novos parques como os das Brañas, Meirás e Fontán.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal permitirá ademais mellorar a seguridade viaria en varias parroquias e triplicará o número de construcións catalogadas, o que derivará nunha maior protección do patrimonio histórico e arquitectónico do municipio.

26 de febreiro de 2013 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.