A Policía Local de Porriño detén a un condutor ao negarse a realizar a proba de alcoholemia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalO Porriño
A-
A+

A Policía Local de Porriño, dependente da Concellería de Tráfico e Seguridade Cidadá que dirixe José Manuel Jacobo, informa da detención de A.F.V, de 23 anos, veciño de Vigo, por negarse á realización das probas de alcoholemia e conducir carecendo dos puntos legalmente establecidos.

Os feitos ocorreron o pasado sábado, 2 de febreiro, ás 05.42 horas, cando axentes da Policía Local de Porriño atopábase realizando un control preventivo de alcoholemia na Avenida de Galicia deron o alto ao condutor dunha furgoneta, conducida pola persoa implicada. Tras solicitárselle o permiso de condución, comprobouse que o posuía retirado pola perda de vixencia ao carecer dos puntos legalmente establecidos. Cando se lle informou dos dereitos para a realización das probas de detección alcohólica, o condutor negouse a realizalas e tras serlle advertido varias veces das consecuencias penais da súa decisión seguiuse negando, polo que por parte dos funcionarios policiais procedeuse á súa detención por estar implicado en dous presuntos delitos contra a seguridade vial: negativa á realización das probas de alcoholemia e conducir carecendo dos puntos legalmente establecidos.

O condutor ía acompañado polo titular do vehículo, o cal tratou de mediar entre o detido e os axentes, alegando que o puxesen a el como condutor e non ao seu amigo que posuía o permiso de condución retirado. Por este motivo, o titular do vehículo foi imputado pola comisión dun presunto delito contra a seguridade vial, en concepto de colaborador necesario, ao deixar e permitir que o condutor conducise o seu vehículo cando ao facelo incurriría nun presunto delito.

En caso de ser condenados, o titular do vehículo enfrontaríase a unha sanción económica que pode chegar aos tres mil euros e ao condutor pódeselle impoñer unha multa, prisión de seis meses a un ano e privación de conducir vehículos a motor e ciclomotores dun a catro anos.

11 de febreiro de 2013 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.