23 comparsas protagonizarán o entroido en Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalO Porriño
A-
A+

Superando a participación rexistrada nos últimos anos, o Carnaval 2013 preséntase multitudinario en Porriño. Serán 23 as comparsas que tomen as rúas do casco urbano nos diferentes desfiles que se celebren ao longo da próxima semana, o primeiro deles será este sábado a partir das 18.00 horas trala lectura do pregón a cargo de Eduardo Fernández Valverde. Os outros dous serán o martes de carnaval e o sábado de piñata (día 16) co tradicional enterro da sardiña.

“O Carnaval deste ano será recordado polo de maior participación, alcanzándose a cifra de 1.500 persoas as que formen parte das 23 comparsas -14 de adultos e 9 infantís- e a rondalla Santa Eulalia de Atios que tamén participará do desfile”, sinala M. Alejandro Lorenzo, concelleiro de Festejos. E unida a esta gran participación, “hai que destacar que gran parte delas son agrupaciones de Porriño, das 23 comparsas 15 -8 de adultos e 7 infantís- están formadas por veciños do municipio que demostran o compromiso e a predisposición de todos os porriñeses para colaborar e participar das diferentes actividades que se organizan desde o Concello”, puntualizaba o edil. Unha participación que terá o seu premio, “pois non hai premio para os mellores, senón para todas aquelas que participen, o premio é á participación”. A partida destinada a iso é de 21.500 euros, superior á de anos anteriores; unha recompensa que varía entre os 300 e os 1.000 euros en función do número de integrantes de cada comparsa, cantidade económica que se poderá ver incrementada en 50 euros si preséntanse coplas.

Sábado: lectura do pregón, 70º Xogo da Ola e primeiro gran desfile

Ás 12.00 horas xa haberá animación de rúa na praza Arquitecto Antonio Palacios. Ás 16.00 celebrarase o 70ª Xogo da Ola na rúa do mesmo nome.

O pregón está previsto para as 17.30 horas e ás 18.00 horas será o primeiro gran desfile de comparsas que sairá do polideportivo municipal e percorrerá todas as rúas da vila do Louro (Antonio Palacios, Domingo Bueno, Praza de San Sebastián e Praza Central) ata chegar á praza Arquitecto Antonio Palacios, onde se procederá á lectura das coplas infantís.

Domingo e luns de bailes para pequenos e maiores

O programa para a xornada dominical dará comezo a partir das 17.00 horas cunha festa infantil no Círculo Recreativo Cultural, con entrada libre e gratuita.

O luns haberá animación de rúa na praza Arquitecto Antonio Palacios en horario de mañá e tarde e ademais, a partir das 17.00 horas, celebrarase un baile de disfraces no Centro Sociocomunitario coa actuación do Dúo Amistad.

11 de febreiro de 2013 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.