Bases para o Festival de Murgas e Comparsas de Riveira
BASES:
MARTES 12 de febreiro de 2013
1.- Establécense dúas categorías de participación:
– Infantil: ata 15 anos (incluídos).
– Adulto: dende os 16 anos (incluídos).
2.- As murgas e comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 14 participantes, sen límite máximo.
Na categoría infantil ademais deberá contar con 1 adulto (como máximo) por cada 2 nenos/as.
3.- Deberán representar a unha asociación, entidade ou agrupación, establecendo o máximo permitido de unha
murga ou comparsa por categoría, modalidade e asociación.
3.1.- Establécense as seguintes categorías e modalidades:
a) Murgas (persoas adultas): Máx. 15 agrupacións, das que doce serán do termo
municipal e tres do resto de Galicia. De non cubrirse os máximos admitiranse todas as
solicitudes presentadas que reúnan os requisitos destas bases.
b) Murgas (infantil): Máx. 5 agrupacións.
c) Comparsas: Máx. 5 agrupacións.
Serán seleccionadas pola organización tendo en conta en primeiro lugar a antigüidade de
participación neste evento e en segundo lugar a data e número de rexistro da súa inscrición no
festival.
4.- Para ambas as dúas categorías (infantil e adulta), as letras das MURGAS deberán ter unha extensión
máxima de 1 canción, non superiores no seu conxunto a 60 versos, nin cunha duración total superior a 8
minutos (incluíndo música, posta en escena e coreografía).
5.- O vestiario debe estar en consonancia con algún dos temas principais das letras das murgas ou un tema de
actualidade ou interese xeral.
6.- Poderase introducir elementos complementarios en relación coa interpretación dos temas e letras, sempre
que non constitúan un risco nin perigo para a cidadanía ou motivo de ofensa á honra e dignidade das persoas,
asumindo o representante de cada murga ou comparsa a responsabilidade ante reclamacións de
terceiros que puideran xurdir en canto ás letras, músicas, vestiarios e outros.
7.- Establécese como data límite de inscrición e de presentación das letras o MARTES 5 de febreiro do
presente ano, antes das 13:30 h, no Rexistro Xeral do Concello ou no Auditorio Municipal. Entenderase que
a non presentación dará lugar á non participación no Festival de Murgas.
7.1- Xunto coa solicitude de participación, achegarase letra/s da murga debendo ademais
presentalas en soporte dixital xunto ao logo identificativo da agrupación (cd, pendrive, email…),
relación dos integrantes do grupo (murga ou comparsa), co nome e apelidos de cada participante,
así como o nome da Murga ou Comparsa. No caso de non tratarse dunha entidade deberán
presentar fotocopia de DNI de todos os integrantes da Murga ou Comparsa e aplicaráselle o IRPF
correspondente á gratificación e/ou premio que corresponda. Tamén haberá que nomear un
representante de cada grupo ante o Concello, que deberá entregar fotocopia do DNI e datos fiscais
(CIF da entidade) para o pago da gratificación/premio correspondente.
8.- As murgas participantes comprométense a tomar parte no desfile previo á celebración do festival no lugar
e hora que a organización estableza, así como a animar o pasacarrúas.
9.- O Festival celebrarase da seguinte maneira: subirán ao escenario as comparsas participantes para lucir a
súa vestimenta –a súa actuación non excederá de 3 minutos-, actuarán a continuación as Murgas da categoría
Infantil, e ao rematar estas, as da categoría de persoas Adultas. Todas elas por orde alfabética.
10.- Establécese a contía total de 3.800 € para as gratificacións e 2.200 € para os premios, segundo o
seguinte sistema de reparto para as distintas categorías e/ou modalidades:
10.1.- Gratificacións por participación:
a) POR CATEGORÍA/MODALIDADE: Máx. 200 € para cada Murga (infantil ou adulta)
Máx. 200 € para cada Comparsa
b) POR AMBAS DÚAS CATEGORÍAS:
No caso de que algunha asociación estea representada nas dúas categorías/modalidades a
gratificación será en conxunto por importe máximo de 300 € (os membros de cada unha das murgas
(infantil/adulta) ou comparsas deberán ser diferentes entre si e acadar os mínimos requiridos).
Nota: No caso de que as gratificacións aos grupos participantes excedan a contía total destinada aos
mesmos o reparto será proporcional entre todas elas ata o límite establecido. Ás gratificacións
aplicaráselle a retención fiscal que corresponda segundo a lei.
10.2.- As murgas, na categoría de Adultos, optarán os seguintes Premios:
– Primeiro Premio: 1.000,00 €
– Segundo Premio: 500,00 €
– Terceiro Premio: 350,00 €
– Especial Premio Local: 350,00 €.
(No caso de que ningunha murga adulta do municipio de Riveira acadase un dos tres premios
establecidos, este galardón entregaráselle á agrupación local que obtivese a maior puntuación).
10.3.- As murgas premiadas quedarán excluídas das gratificacións e as murgas infantís e
comparsas, non optarán a ningún premio.
11.- Para establecer os premios, existirá un Xurado que estará composto por seis membros: cinco
profesionais (un por cada categoría a valorar: Letra, Música, Vestiario, Maquillaxe, e Posta en escena)
e pola Concelleira de Cultura e Festexos –ou quen designe- que ostentará a presidencia do mesmo.
Cada membro contará con voto -1, 3 e 5-. A secretaría do xurado recaerá nun representante da Área de
Cultura, con voz pero sen voto. A votación será inmediata ao remate de cada unha das actuacións. A
decisión do Xurado será inapelable. En caso de empate priorizarase o criterio do xurado xa que os premios
son individuais e indivisibles.
12.- Ao remate do festival farase entrega a cada murga e/ou comparsa dun diploma acreditativo da
gratificación, así como do premio obtido aos galardoados, que serán canxeables polo importe sinalado nos
mesmos e recollido nestas bases, e faranse efectivos mediante transferencia bancaria nos Servizos
Económicos do Concello nos días posteriores ao festival. A non presenza do representante designado por
cada murga ou comparsa, no momento da entrega dos diplomas e galardóns e durante todo o Festival,
considerarase motivo de renuncia á gratificación e/ou premio correspondentes, que inmediatamente
pasarán a disposición da organización.
13.- Todas as murgas e comparsas participantes deberán aceptar estes criterios no momento da súa inscrición
no festival; a organización será competente para resolver calquera dúbida xurdida das presentes bases.











