A Escola Municipal de Música celebra o festival de Nadal
Será o vindeiro xoves, día 20, ás 20.00 horas no Círculo Recreativo Cultural. Os alumnos ofrecerán ademais audicións con motivo da primeira avaliación do curso académico, o luns 17 e venres 21, ás 19.30 horas
A Escola Municipal de Música de Porriño, dependente da Concellaría de Cultura do Concello de Porriño que dirixe Teresa Veloso, organizou para os próximos días un ciclo de concertos ao que están invitados todos os veciños e visitantes que así o desexen.
Por unha banda, celebrarán o tradicional festival de Nadal, no que participarán os alumnos de Música e Movemento, o coro de 1º, 2º, 3º e 4º de Elemental, a Coral Polifónica, o grupo de guitarras, o grupo de música tradicional, a orquestra e a Banda de Música da Escola. Será o vindeiro xoves, día 20, ás 20.00 horas no Círculo Recreativo Cultural.
Ademais, o alumnado, actuando de forma individual, protagonizará as audicións correspondentes á primeira avaliación do curso académico. A primeira será este mesmo luns, ás 19.30 horas no Círculo Recreativo Cultural, e a segunda o venres, día 21, á mesma hora e no mesmo lugar.
Todos os concertos son de entrada libre e gratuíta ata completar aforamento.











