publicidade hoxe

Un amplo dispositivo na ría de Arousa permite a liberación de catro golfiños varados na enseada de Cespón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaRiveira
A-
A+
Liberación dos golfiños varados

Liberación dos golfiños varados

Un amplo operativo coordinado pola Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) e formado por efectivos de Gardacostas de Galicia, Protección Civil e membros da Confraría de Rianxo e do Concello, fixo posible a liberación de catro exemplares de golfiño común (Delphinus delphis) varados na enseada de Cespón, na ría de Arousa.

Esta manda, formada por catro exemplares, puido decidir resgardarse neste punto da ría de Arousa en busca de alimento ou para evitar un ataque por parte de arroaces. Tampouco se descarta que a súa entrada da ría estivese motivada pola presenza de candorcas fóra, dados os avistamentos detectados nestes últimos días na zona de Corrubedo.

Así, na xornada de onte, xoves 22, —tras o aviso ao 112 por parte dun condutor de camión que facía a ruta Padrón-Ribeira— alertouse da presenza de catro golfiños varados ao pé do viaduto de Taragoña da autovía do Barbanza, nun punto de difícil detección e só accesible desde a súa posición.

Neste caso eran catro machos de entre 186 e 204 cm de lonxitude, todos sen feridas relevantes, conscientes, activos e ben de saúde e peso, aínda que con síntomas de estrés.

Para a súa liberación, mobilizáronse dúas unidades móbiles, co fin de retiralos da lameira no lado dereito da enseada de Cespón e evacualos por terra. Unha vez que subiu a marea, dous exemplares foron embarcados na lancha da Confraría, outro na de Protección Civil e o último na de Gardacostas, que se dirixiron ata a illa da Rúa, onde foron liberados.

Cinco golfiños en Palmeira

Por outra banda, o mércores 21 recibiuse unha alerta dende o porto de Insuela en Palmeira sobre a presenza de cinco golfiños nadando en círculos. Estes exemplares permaneceron separados da costa, a unha distancia máxima de 200 metros, aínda que co paso das horas foron achegándose á beira. En todo caso, un equipo de Protección Civil de Ribeira descartou a presenza da manda, tras unha inspección realizada a primeira hora do xoves.

Non obstante, mentres se procedía á liberación dos golfiños da enseada de Cespón, recibiuse unha nova chamada para confirmar a presenza destes cinco golfiños en Palmeira. Así, mobilizáronse dúas embarcacións para intentar sacalos do porto, pero dado que se atopaban nadando xuntos e realizando mergullos, saltos e longas inmersións, non foi necesario actuar.

En todo caso, das observacións e análises feitas polo equipo veterinario do Cemma, pódese concluír que polo comportamento de cohesión de ambas mandas entraron na ría xuntos, pero cada manda optou por un punto de acubillo distinto.

Por último, a Xunta de Galicia recorda que os golfiños, ao igual os arroaces, son animais silvestres, non mascotas; polo que non se debe interactuar cos mesmos. Así, recoméndase non ofrecerlle nunca comida, non meterse intencionadamente na auga ao seu carón, nin entrar -deliberadamente- no seu radio de contacto.

No caso de estar na auga, débese evitar tocalo ou aproximarlle as mans. Tamén se deben respectar sempre as súas áreas de descanso e, no caso de detectar un comportamento incómodo pola súa parte, débese saír da auga e afastarse do seu contacto.

23 de xullo de 2021 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.