publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Axentes da Policía Autonómica esclarecen incendios nos concellos de Celanova e Nogueira de Ramuín

Axentes da Policía Autonómica de Ourense veñen de esclarecer dous incendios nos concellos de Celanova e Nogueira de Ramuín.

No caso de Celanova, tomouse declaración como investigada a unha muller por un incendio ocorrido o pasado 18 de outubro, no lugar de Quintas-Orga, e que afectou 0,02 hectáreas de superficie arborada.

A investigada estaba a realizar unha queima de restos forestais, sen a salvagarda das debidas medidas de precaución necesarias, o que provocou que as lapas se estendesen pola finca onde realizaba os traballos. Na extinción do incendio participaron dúas brigadas e unha motobomba.

As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Celanova.

En Nogueira de Ramuín, os axentes tomaron declaración a un varón, investigado como presunto autor dun incendio, ocorrido o pasado día 19 de outubro no lugar de Alberguería-Cerreda e que afectou 0,01 hectáreas de superficie rasa.

O lume orixinouse pola realización de varias queimas forestais que o investigado efectuou nunha finca da súa propiedade, sen salvagardar as debidas medidas de precaución necesarias. Como consecuencia, as lapas propagáronse tanto pola finca onde realizaba os traballos, coma pola finca lindeira. Na extinción do incendio participou un axente ambiental, unha dotación do GES e unha motobomba.

As dilixencias por tales feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ourense.

No que levamos de ano, foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica 53 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

26 de outubro de 2020 | 13:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.