publicidade hoxe

A Xunta impulsou desde abril a posta en marcha de case 4.500 accións culturais no marco do Plan de reactivación do sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Plan de reactivación cultural fronte aos efectos da covid-19 aprobado en abril polo Goberno autonómico permitiu a posta en marcha neste tempo de case 4.500 accións culturais que están a incidir na progresiva evolución do sector nun momento de dificultade. Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no Parlamento, onde respondeu unha interpelación para dar conta do traballo levado a cabo pola Xunta neste tema.

Como explicou, o Goberno autonómico xa executou ou ten en marcha un 80% das medidas da folla de ruta creada para paliar os efectos da crise, o que implica un investimento executado de 20 millóns de euros dos máis de 26 millóns previstos. Entre todas as accións, Román Rodríguez destacou o apoio ás artes escénicas e música coas máis de 1100 actividades das redes e programas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entre funcións, actuacións de música ao vivo, os eventos da marca FEST Galicia, a iniciativa Galicia Emerxe, así como o apoio a 22 festivais de teatro e audiovisual.

No ámbito do sector do libro, organizáronse máis de 700 actividades de dinamización da lectura en bibliotecas públicas e financiáronse preto de 200 axudas para empresas e profesionais do sector do libro, entre librarías, editores ou tradutores. O titular de Cultura da Xunta tamén se referiu ás 356 iniciativas apoiadas ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 2021, as 415 funcións de Cultura no Camiño ou ás axudas á creación no ámbito artístico e para galerías de arte, así como a concellos para equipamentos culturais e a organización de actividades formativas no ámbito da cultura nas que participaron en conxunto máis de 680 persoas.

O Plan de reactivación cultural tamén está a impulsar nestes meses o patrimonio cultural galego, contabilizándose máis de 40 actuacións neste eido, algunhas xa executadas e outras en redacción ou fase de licitación. Trátase en todo caso de actividades que, como explicou o conselleiro, “seguen crecendo cun único e claro obxectivo: que a cultura continúe”.

Máis de 30.000 profesionais

Neste sentido, Román Rodríguez reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia por facilitar o acceso á cultura dun xeito seguro tendo moi en conta que se trata, dixo, dun “dereito esencial de todos os galegos” e “unha fonte de orgullo e benestar persoal”. Salientou, ademais, a importancia da cultura na economía galega, da que dependen directamente en Galicia 30.000 profesionais.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade abordou tamén os plans da Xunta de cara aos vindeiros meses nos que, asegurou, o seu departamento está traballando para atopar en todo momento fórmulas para que a cultura siga, apoiando novas ideas e formatos, de xeito que as industrias e profesionais da cultura poidan continuar traballando e ofrecendo “unha oferta cultural rica e variada a todos os galegos”, explicou.

Un plan dialogado e consensuado

Exemplificou esa aposta por unha ampla oferta cultural con iniciativas postas en marcha nas últimas semanas como o gran proxecto expositivo Galicia: de Nós a nós, na Cidade da Cultura, o novo programa de apoio a salas de cine ou outra a dinamización de actividades en librerías, unha iniciativa novidosa neste contexto.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade puxo de manifesto a importancia de que o sector cultural galego conte cunha folla de ruta que permitirá continuar reactivando o sector nos vindeiros meses. Un plan que, como recordou foi froito do diálogo, despois de manter, nas semanas máis intensas do confinamento, 65 xuntanzas e contactos con máis de 230 axentes dos sectores e recibiu preto de 170 propostas das que o 71% foron incorporadas á súa redacción.

7 de outubro de 2020 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.