publicidade hoxe

Educación abre o prazo para participar o próximo curso no programa CUALE

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria pola que se abre o prazo para participar no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE). Ao abeiro deste programa, o alumnado de centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia pode preparar as probas de certificación das Escolas oficiais de Idiomas (EEOOII) dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas.

A formación que recibirá o alumnado é gratuíta e realizarase fóra do horario lectivo. O CUALE desenvolverase en 4 modalidades diferentes, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Así, poderán cursar a modalidade CUALE A1 os estudantes que superasen todas as materias do 2º curso da ESO e que estean matriculados en 3º. A modalidade CUALE A2 está dirixida ao alumnado que superase todas as materias de 3º da ESO e estea matriculado en 4º curso, así como aos inscritos en ciclos formativos de FP de grao medio de menos de 2.000 horas.

Por outra banda, o CUALE B1 vai dirixido ao alumnado de bacharelato, de ciclos de grao medio de FP de 2.000 horas e de grao superior de menos de 2.000 horas. As modalidades CUALE B2 serán para as alumnas e alumnos de bacharelato, ciclos de FP de grao superior de 2.000 horas, e para os que dispoñan do certificado del nivel intermedio das EEOOII ou outros certificados do nivel B1 do MCERL.

O profesorado encargado de impartir o CUALE, docentes de ensinanza secundaria de lingua estranxeira, realizará probas ao final do curso en cada nivel. A superación destas probas supón a expedición por parte do centro dun certificado, no caso do nivel básico do CUALE A1, e o dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación que se realizarán nas EEOOII, no resto das modalidades. Para a obtención dos certificados oficiais é necesario que os estudantes superen as probas específicas que as EEOOII realizan cada ano.

Os centros que desexen implantar o programa CUALE deben facer a correspondente solicitude en liña, completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación á que se accede na ligazón http://www.edu.xunta.es/programaseducativos. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o día 30 de xuño de 2020. No presente curso escolar 2019/20 o programa CUALE desenvólvese en 29 centros educativos da Comunidade Autónoma, nas diferentes modalidades e idiomas.

13 de xuño de 2020 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.