publicidade hoxe

A Xunta sinala a importancia de adaptar o mercado laboral galego ao novo escenario poscovid para favorecer a reactivación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá un encontro telemático co persoal técnico de prospección de emprego da Xunta e destacou a necesidade de adaptar o mercado laboral galego ao novo escenario poscovid-19 para favorecer a reactivación económica.

O conselleiro puxo en valor o labor deste persoal técnico que actualmente está recibindo formación na súa área de traballo e destacou que a súa actividade é de vital importancia para identificar oportunidades de emprego e avaliar as necesidades das empresas en materia de persoal e formación. Así, incidiu na necesidade de ofrecer un cumprido servizo de orientación. Neste sentido, a Xunta traballa, no marco da nova Axenda de Emprego, na elaboración dun estudo de tecnoloxías emerxentes que lle permita coñecer as cualificacións profesionais que terán máis demanda para facer fronte aos empregos do futuro. A Axenda de Emprego inclúe ferramentas para reactivar o mercado laboral que pretenden apoiar unha transición cara ao novo contexto laboral, incidir na prevención, achegar formación para o emprego, acompañar aos autónomos e modernizar as oficinas de emprego.

Precisamente, o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo unha reunión esta mañá cos directores provinciais do Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE) para abordar o novo funcionamento das 54 oficinas de emprego e coordinar a súa apertura prevista para o 1 de xullo. A atención presencial será no horario habitual de 9,00 a 14,00 horas e realizarase exclusivamente a través do sistema de cita previa.

Para garantir unha apertura en plenas condicións de seguridade, a Administración autonómica elaborou, a través do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (Issga), unha guía de recomendacións fronte á covid-19 específica para oficinas de emprego, o que serviu de base para o desenvolvemento dun plan de continxencia para a reapertura que supón un investimento de preto dun millón de euros na adaptación da rede de oficinas de emprego da Comunidade Autónoma. Por outra parte, a renovación automática da demanda estenderase ata o vindeiro 30 de setembro. Deste xeito evitaranse desprazamentos innecesarios das persoas demandantes de emprego.

23 de xuño de 2020 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.